Ourense

As inquedanzas de Prieto

Ourense

Arte et Alia

As inquedanzas de Prieto

"Inquietudes" é unha selección de Fernando José Prieto López-Prieto

Fernando José Prieto López-Prieto (A Coruña, n. 1947) é un artista que gusta de facer que as súas pinturas teñan un aura críptica e de misterio, obras que completa dende os títulos, cos que manda mensaxes. Chegou a Ourense para facer unha gran mostra nese espazo expositivo municipal chamado Museo, emblemático pola súa ubicación preto da Catedral, na vella Rúa da Obra dela, tan semellante no concepto coa santiaguesa do Obradoiro, hoxe en día a principal Rúa dos Viños. Exhibe aquí un amplo elenco de case tres ducias de obras, produción dos seus últimos anos, que xunta baixo o título de “Inquietudes”. É unha coidada selección dos seus mundos pictóricos, dende 2007 polo menos, ideas nas que traballa dende a década final do pasado século, e que nos amosa dende Impotencia até a gran cadeira empaquetada cunha tea e dúas mazás no andar baixo. Entre elas inclúe tres obras da serie ‘Reteniendo el tiempo’ -con marmelos, mazás e ameixas, respectivamente-, estudos compositivos nos conxela a acción de caída dende a mesa dunha delas dende o concepto da natureza morta. Antes, á entrada, coloca unha secuencia de apertas, brazos masculinos ou femininos que se aferran ás roupas con paixón, medo ou tenrura, incluso, na espera esperanzada da moza embarazada. A minuciosidade das extremidades, as texturas das telas e o manexo da luz configúrano como un grande da plástica galega no Hiperrealismo. Con “¿Quién no sintió alguna vez mariposas en el estómago?” ofrece un plus na expresión emocional dos sentimentos. Deixarse levar da contemplación neste abano do camiño que nos ofrece o mestre coruñés resulta unha experiencia impagable. 

O artista completa o seu abano no primeiro andar, que nos recibe cos catro lenzos de Pera, un luminoso exercicio co paralelismo corpo de muller e aquela carnosa froita, en equilibrio; o tríptico “Amanecer con naranja”, a muller espida que se estende nas tres pezas e o ceo con nubes, e aquel cítrico solar que flota na composición do centro, unha temática na que afonda no espazo e a anatomía. Mais fuxe de novo da representación dos rostros e as caras que individualizarían as obras no desexo de achegarse á esencia do concepto. Onde expresa o mellor da súa paleta é nas distancias curtas, nomeadamente coas texturas de sabas, camisolas e camisas, que cunha iluminación dirixida e efectista dan fe da súa capacidade dende os obxectos verosímiles dunha realidade cotiá, e con eles invadirmos de sensacións de fonda raizame psicolóxica. O magnífico manexo da cor branca permítelle afondar na ruptura do soporte furando a tela, idea das Vangardas. Mais na linguaxe elegante e sutil de Prieto é un ‘trampantojo’, aparecendo así por tras unha man ou un rostro. Tamén e quen de ironizar co oficio de pintor ou os interrogantes ante o lenzo en branco, que pintar cando a inspiración... As mostras da Coruña,1986, a de Lugo,1994, e a de 1997 para aquel programa da Xunta da época de Homero Pérez Quintana, a do coruñés Kiosko Alfonso, 2010, e na santiaguesa Casa da Parra, 2013, con Xesús Vázquez como Conselleiro, teñen sido fitos na súa traxectoria.  

Más en Ourense