As mellores festas

Dibujo
photo_camera Xosé Manuel Piñeiro con Rocío Jurado, en las Festas de Ourense de 1991.

“Pero se hai unha actuación da que garde especial recordo por ter a honra de presentala foi a da gran Rocío Jurado, que chegaba ao escenario da Rúa da Saínza con todo o seu poderío”

Para min non houbo outras como as Festas de Ourense de 1991, xusto un ano antes do meu desembarco na Televisión de Galicia. Daquelas o amigo Manolo Rois, concelleiro de festas, quixo encargarme a presentación de moitos dos actos e concertos que se levaron a cabo, comezando o primeiro día coa actuación na Praza Maior da vedette Norma Duval, quen daquelas viña acompañada de Marc Ostarcevic; o destino quixo que despois do concerto foramos a cear un pequeno grupo de amigos, e como a artista regresaba a Madrid sen pernoctar na cidade pedíu poder ducharse antes da viaxe; como non podía ser doutro xeito ofrecinlle o meu apartamento alugado no Edificio Torre, e así foi. Iso valeume para que un ano e pico despois un xornalista doutro medio encabezara unha contraportada, máis con sorna que con malicia, co título de "Piñeiro es Superpiñeiro desde que ducha a Norma Duval".

Nesa edición das festas tiven o pracer de codearme con moitos outros artistas que nos visitaron, como foi o caso dos malagueños "Danza Invisible", daquelas un dos grupos máis cotizados do País con Javier Ojeda ao frente, e con temas tan inesquencibles como "A este lado de la carretera" de Van Morrison ou o "Sabor de amor", sen esquecernos da máis que acertada versión do "Yolanda" de Pablo Milanés. Lembro a prolongada noite de conversas e risas, posterior ao concerto, no lexendario "Café Isaac".

Pero se hai unha actuación da que garde especial recordo por ter a honra de presentala foi a da gran Rocío Jurado, que chegaba ao escenario da Rúa da Saínza con todo o seu poderío, facendo que a baixada de San Francisco quedase pequena para albegar aos milleiros de persoas que querían ver en directo á gran diva de Chipiona que puña punto e final ás festas. Rocío chegaba a Ourense nun flamante Mercedes branco, propio de toda gran folclórica que se prece, conducido polo seu irmán Amador Mohedano, que á súa vez exercía de mánager e que actualmente confesa estar pasando por unha situación económica complicada. Pero naquel momento eran días de "viño e rosas", cando a Jurado cobraba por un concerto unha cantidade máis que substanciosa e que eu por respecto non vou revelar, e da que non dubido que Amador levaría unha boa comisión. 

En calquera caso para min foi o gran momento das festas, presentar sobre o escenario á "máis grande", vendo como entraba cal pomba branca arrasando desde a primeira nota de "Como las alas al viento". Xa tivera previamente o luxo de asistir en privado ao quecemento de voz nas oficinas de Mapfre reconvertidas en camerino; e entre gin tonic e gin tonic o mini recital de flamenco que puiden presenciar é desas cousas que che pasan unha vez na vida, e a min pasoume; unha guitarra, dous palmeiros e a impresionante voz de Rocío Jurado, e eu de único espectador. Soamente nos anos de televisión tiven o pracer de asistir a algo parecido, foi no "Bamboleo" cos ensaios a piano da tamén enorme Dulce Pontes.

Te puede interesar