Solidaridade

“Asistir á gala supón un graniño de area para a loita contra o cancro"

David Rodríguez, organizador da Gala contra o Cancro, onte. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera David Rodríguez, organizador da Gala contra o Cancro, onte. (Foto: Miguel Ángel)
Achégase o Nadal e con el, a Gala contra o Cancro, unha cita solidaria que ano tras ano gaña peso na sociedade ourensá.

O organizador da Gala contra o Cancro, David Rodríguez (Seixalbo, 1993), comezou co proxecto hai sete anos, despois de coñecer o traballo da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense (AECC). "A calidez e calidade humana dos seus membros fascinoume, son perseverantes e traballan con fe para conseguir facer unha mellor vida para os enfermos e as súas familias", asegura. O evento terá lugar no Auditorio Municipal o próximo 21 de decembro, ás 20,30 horas. O diñeiro da entrada –5 euros en venta anticipada, 8 na billetería– vai destinado á loita contra o cancro.  

Chega a sétima edición da Gala contra o Cancro, cales son os pratos fortes?

Sempre buscamos traer a referentes galegos no campo da música, a danza e o humor, e tamén nos gusta que haxa representación ourensá no equipo artístico que sobe ao escenario. Cústame destacar uns artistas sobre outros, pero recoñezo que De Vacas, Davide Salvado e a violinista e cantante Patricia Moon son moi coñecidos polo público. Tamén teremos baile con Ourense Fussión, música de autor con Antonio Luz e Rubén Riós e Beatriz Serén son os presentadores.

Que se atopará o público?

Buscamos ofrecer un espectáculo reivindicativo, vibrante e divertido que se faga ameno e que, ao rematar, o público desexe que continúe. Afortunadamente, polos comentarios que nos chegan doutros anos do público que enche o Auditorio, din que conseguimos crear un espectáculo entretido, con mensaxe e que acada o seu obxectivo de concienciar na loita contra o cancro.

Custa mellorar cada edición?

Realmente entendemos que si. Segues sumando edicións e tes que innovar no prantexamento, tratar de axilizar as xestión para pechar o cartaz –cada vez os artistas pechan antes as súas axendas-... A isto súmase a complexidade de atopar a artistas de renome dispoñibles nestas datas, aínda que ao coñecer o motivo do evento, o compromiso e a involucración é máxima. 

Cantos meses de preparación hai detrás da gala?

Realmente organizamos este evento todo o ano. Son datas moi demandadas para todo (profesionais, técnicos do evento, dispoñibilidade de espazos, artistas convidados...). Certo é que o groso do traballo comeza a partir do final do verán.

Como pode colaborar a cidadanía coa proposta?

Existen dúas vías principais: mercando unha entrada nos diversos puntos de venta habilitados ou ben na billetería –aínda que levamos catro anos seguidos agotando entradas antes do día da gala–. No caso de non poder asistir, pódese colaborar realizando un ingreso na fila 0 a favor da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense.

Por que animas á xente a participar?

Sobre todo, pola causa, a túa entrada é vida. Somos unha pequenísima aportación a todo o que se precisa para seguir investigando e avanzando na loita contra o cancro e lograr que os tratamentos non sexan paliativos e acaban por ser curativos. Continúa a ser un mal moi presente e que entre todos temos que conseguir acabar con el. 

Di que é unha pequenísima aportación, pero cada ano suma adeptos. 

Detrás hai un enorme traballo dende a Asociación Cultural xuvenil As Canellas, xunto con Claqueta Claqueta e AECC Ourense. A gala é un aperitivo delicioso previo ó Nadal con música, humor, danza e, sobre todo, solidariedade. Simplemente con asistir, podes contribuir e axudar a que moitos enfermos de cancro reciban un pequeno graniño de area para unha mellor vida.

Te puede interesar