José Manuel Fernández Anguiano

Ata sempre, mestre

Ese era José Manuel Fernández Anguiano; experto en vitivinicultura, hombre locuaz e incansable

Un ano antes de nacer eu, e mira que xa non son un chaval, xa exercía José Manuel Fernández Anguiano de enxeñeiro técnico agrícola no Ministerio de Agricultura, no que sería a súa profesión na primeira etapa laboral e tamén na última, neste caso na Consellería do Medio Rural, ata a súa xubilación. Polo medio, infinidade de actividades e tamén a súa paixón pola a neve, por Trevinca, por Manzaneda...

Hai corenta anos, tras regresar da “mili” presenteime a unha entrevista de traballo no Consello Regulador do Ribeiro, onde fun entrevistado polo seu presidente, Anguiano. Xa tiña eu esquecida aquela reunión, que me lembrou el mesmo tres décadas despois: “Me acuerdo perfectamente cuando te entrevisté: no llegamos a un acuerdo, porque pedías demasiado, pero me dije ‘aquí hay madera”.

Quizais un dos comentarios máis agradecidos que teño escoitado dun compañeiro de incrible memoria e capacidade profesional. Lembro a visita a unha adega de León onde catamos algún dos viños que Anguiano describiu con gran acerto, polo que a enóloga comentou a súa boa pericia, ao que respondeu cun contundente, “... es que soy el presidente de Galicia”. Diante do asombro da experta leonesa, matizou inmediatamente “... presidente de los catadores de Galicia” para deleite da concorrencia.

Certamente, ese era Anguiano; experto en vitivinicultura, locuaz e incansable. Retorna como funcionario a Administración Pública na última etapa profesional e, cando pensamos que buscaba un tranquilo período laboral prexubilar, comezou a devorar expedientes a un ritmo agotador.

Porque era así. Activo, hiperactivo, e compañeiro. Grande compañeiro e grande mestre. Ata sempre, Anguiano Que a terra che sexa leve, colega.

Te puede interesar