entrevista

"O audiovisual galego está vivindo un moi bo momento, con moita proxección exterior"

Fernando Epelde
photo_camera Fernando Epelde presenta o seu último filme no Festival de Cans.

O ourensán Fernando Epelde presenta o seu último filme no Festival de Cans

Fernando Epelde (Ourense, 1980) crea música e escribe dende as súas teimas particulares, que mudan co paso do tempo, ligadas aos cambios da sociedade. Malia que non se considera director profesional, o seu filme "SYD. Efectos especiales dejan de ser especiales con el tiempo" será estreado no próximo Festival de Cans, epicentro da cultura audiovisual galega, entre o 22 e o 25 de maio. Ademais, é o encargado de poñer a banda sonora oficial do certame, coa súa canción "Falando de Cans". Ata a parroquia de Cans, no Porriño (Pontevedra), Epelde chegará con parte do equipo do filme, cargado de ilusión por compartir a estrea, tras anos de traballo. 

Comezou a formarse no eido da interpretación, pero agora fai música, dirixe...

A verdade é que non me considero director: son músico e como tal fago música para escena e para algúns proxectos audiovisuais. Pero teño unha formación moi variada, sempre estiven vinculado á dramaturxia, na parte escrita. E nestes últimos anos xurdiron algúns proxectos de teatro e cinema dos que me fixen cargo. 

Proxectos pouco convencionais.

Si, as tres películas que dirixín sáense da norma moito. "Remake café-flesh" partía moito da idea de banda sonora -é unha reedición dunha película pornográfica antiga á que lle puxen unha banda sonora nova-. Despois, "Street Art Symphony" presenta un formato documental que non é un documental e agora "SYD", que reflexiona sobre a palabra. É un texto meu que ao final tiven a necesidade de levalo á pantalla. 

Algunha teima especial nas súas creacións?

Son moi variadas, van cambiando co tempo. Cada ano estou conectado cunha cousa ou con varias, que envolven moito ao traballo que fago. Neste momento estou moi centrado na liberdade de expresión, estou un pouco preocupado e asustado co tema das censuras. Vendo como intervén a xustiza en casos de cómicos, estamos poñendo en dúbida obras grandes da literatura, como "Lolita" de Nabokov. Esos temas, preocúpanme dun modo obxectivo, interésame ver como se reposicionan.

Vense en “SYD" esas obsesións?

Si, "SYD" toca todas esas preocupacións. Foi un proxecto díficil, sobre todo porque non ten axudas de ningunha clase e require de compenetración con máis persoas. Xurdiu en varias fases, houbo un primeiro momento no que traballei con unha pequena equipa humana e fixemos a espiña dorsal do filme. Logo traballei eu só outras partes que teñen que ver coa animación 3D, e fixen unha segunda parte, antes de saber se se podería rematar. Finalmente, cheguei á terceira parte, pero foi un pouco odisea para conseguir rematala, fixéronse moitos cambios para logralo.

Como chegou á programación de Cans?

Pois eu non tiña pensado proxectala en Cans. Alfonso Pato, o director do certame, viu o trailer e chamoume para propoñerme presentala polo seu carácter "underground". Eu téñoa un pouco en cuarentena, aínda non sei o que penso de todas as partes da película, hai cousas que me gustan moito e outras que estou dixerindo.

Nervios ante a estrea mundial?

Sempre que hai estrea hai algo de nervios, pero eu con este tipo de proxectos que fago nos campos que non son a miña área chego máis relaxado. Son procesos que un fai pola experiencia e eu gozo moito de construir proxectos fóra da norma. 

O seu alter ego, “Chisme", compuxo a canción oficial desta edición do certame.

Fai dous ou tres anos ía participar con outro proxecto musical, pero por culpa dunha lesión non puiden asistir, polo que este ano Alfonso propúxomo. El xa pide cousas que funcionan: determinadas mencións a directores e filmes, que sexa como un himno... . 

Actualmente reside en Madrid, cre que é difícil manterse como artista alternativo en Galicia?

Non, penso que en cuestións de audiovisual, Galicia está vivindo un momento particularmente interesante, coma noutros. Hai unha infraestructura a valorar, como o gran entretramado teatral con subvencións, moitas compañías, tradición... existe un tecido que da lugar a que acontezan cousas. As películas galegas funcionan fóra e dentro, hai múltiples directores que soan en festivais internacionais. E en música underground hai cada vez un son máis particular, e hai moitísimo que coñecer. 

Cando poderán ver os ourensáns o seu novo filme?

Polo momento non sabemos, xurdiu de xeito tan repentino o do festival que aínda non temos claro o próximo movemento, pero estamos niso, avisaremos.

Te puede interesar