Os 'Papeis da Academia Galega do Audiovisual' recollen unha memoria dos premios e festivais

O audiovisual presenta novo anuario nun ano 'complicado'

Anxo Quintanilla, Antonio Mourelos, Nani García e Isabel Pérez. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O ano que transcorre entre xullo de 2010 e xuño de 2011 foi complicado no eido económico para o sector artístico.
Aínda así, a quinta edición dos 'Papeis da Academia Galega do Audiovisual' sae con forza en papel e reforzado en formato dixital. Entre a memoria de actividades salienta a celebración da gala dos Premios Mestre Mateo en Ourense, que tivo lugar o pasado mes de abril. Ademais, a AGA quixo render homenaxe ó músico Nani García cun disco recompilatorio de pezas compostas para traballos audiovisuais. A presentación do anuario tivo lugar, unha vez máis, dentro da programación do Festival de Cine de Ourense. Con tal motivo, estiveron no Auditorio a concelleira de Cultura, Isabel Pérez; o presidente da Academia, Antonio Mourelos; o seu homólogo do Consorcio Galego do Audiovisual, Anxo Quintanilla, e o propio Nani García.

Nos 'Papeis' destacan tamén artigos de opinión e repaso da situación que na actualidade atravesa o audiovisual galego, todos eles firmados por persoas directamente relacionadas co sector artístico. O anuario non esquece tampouco a aqueles que xa non están, como é o caso dos actores ourensáns José Conde ou Suso Díaz, entre moitos outros.


DEFENSA DA CULTURA

'Non é concebible un pobo sen cultura', sentenciou Quintanilla. Tódolos presentes fixeron referencia continua á delicada coxuntura económica. O presidente do Consorcio calificou, ademais, de 'milagre' que Ourense conseguise 'sacar adiante o Festival de Cine este ano', un periodo que foi 'bastante dramático'. Sen querer caer no pesimismo, Anxo Quintanilla agarda que o próximo sexa un ano mellor; de feito 'vexo difícil que vaia a peor', afirmou. Con el coincidiu Isabel Pérez. Na súa intervención incidiu na idea de que 'na cultura non podemos dar pasos atrás' porque 'sen ela non estariamos no mundo'. Na súa intervención referiuse ó OUFF como elemento de 'difusión do audiovisual galego', que tamén é 'unha oportunidade económica'. Neste sentido, a concelleira de Cultura aproveitou para 'reivindicar o sector como xerador de riqueza e emprego'.

Te puede interesar