área metropolitana

Avanza a creación da rede de espazos verdes

<p></p>
photo_camera Participantes na xuntanza de onte, no Centro Transfronteirizo.

Técnicos de 18 concellos buscan a adaptación ao cambio climático

Técnicos e políticos de 18 concellos da comarca de Ourense así como asociacións, empresas e cidadáns reuníronse onte no Centro Transfronteirizo de Barbadás co obxectivo de avanzar na creación dunha rede verde, cuxa aplicación pode verse na proliferación de hortas ecolóxicas ou o aproveitamento de terreos para reducir o risco de inundacións.

Os representantes coñeceron aspectos da ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación: adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire ou control de inundacións e erosión.

Este encontro participativo estivo organizado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, que deu a coñecer a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

Infraestrutura Verde é un concepto que "integra a protección de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático". A finalidade de levar a cabo esa estratexia é crear unha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente, unha sorte de economía verde, "que mellore a calidade de vida e protexa a biodiversidade".

Os concellos englobados son: Amoeiro, Barbadás, Cartelle, Coles, Esgos, Gomesende, A Merca, Nogueira, Ourense, Paderne, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Ramirás, San Cibrao, Toén, Vilamarín e Xunqueira de Espadañedo.

Tamén se pretende asegurar a provisión de servizos de abastecemento –produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía– e de servizos culturais: ocio, benestar, saúde ou paisaxe. 

Te puede interesar