'Os Axóuxeres' visitan Xinzo e Verín o vindeiro domingo

'Os Axóuxeres' chegarán esta fin de semana a tres municipios da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O domingo á mañá, as familias de Xinzo de Limia poderán participar no encontro que terá lugar no Museo do Entroido ás 12,00 horas e, xa pola tarde, o espectáculo poderase gozar en Verín, cunha sesión na sala de actividades da Piscina Cuberta ás 18,30 horas.
'Os Axóuxeres' contan a historia dunha pequena aldea que, ante a chegada de novos veciños e novas casas, se acaba por converter nunha cidade na que viven personaxes tan singulares como a florista Hortensia, o equilibrista Telmo, a cantante de ópera Arabela, o vello mariñeiro Antón ou Marcelina e a súa gata Rita, que visita aos protagonistas á hora da merenda. A peza toma como punto de partida o coñecemento de todo o que nos rodea, tan característico das idades máis temperás.

A participación nos encontros de 'Os Axóuxeres' é de balde, con inscrición previa ata completar a capacidade das salas. Cómpre que as familias interesadas fagan a súa reserva con antelación no teléfono 610 641 570, que estará aberto ao público de luns a venres, en horario de 10,00 a 14,00 horas, dende unha semana antes de cada encontro.

Desde onte está aberta a inscrición, para cativos menores de seis anos con acompañante, nos tres pases previstos esta fin de semana en Ferrol, Xinzo de Limia e Verín.

Te puede interesar