Baltar alega que actuou 'convencido de que as contratacións non precisaban publicidade'

Nunha declaración que durou unha hora, Baltar respondeu só a preguntas do fiscal e do seu avogado e detallou como se facían os trámites daqueles 104 contratos temporais

O expresidente da Deputación de Ourense e do PP nesta provincia, José Luis Baltar, alegou que actuou "convencido de que as contratacións non precisaban publicidade", en relación aos 104 contratos asinados no primeiro trimestre de 2010, que o levaron ao banco dos acusados por un posible delito continuado de prevaricación.

Nunha declaración que durou unha hora, Baltar respondeu só a preguntas do fiscal e do seu avogado e detallou como se facían os trámites daqueles 104 contratos temporais. "Os diferentes servizos non tiñan contratacións dende había seis meses e quedaran sen 120 traballadores, así que me pedían con insistencia que fixese contratos", relatou.

"Teño que recoñecer aquí que descoñezo a ordenanza que asinei en 2004 para as contratacións na Deputación", engadiu e mostrouse "convencido" de que os procedementos urxentes, utilizados nos contratos denunciados, non precisaban publicidade.

Así mesmo, José Luis Baltar, que leva dous anos apartado da actividade política, co que unha condena por prevaricación non lle suporía efectos reais, engadiu que nos máis de 20 anos que presidiu a Deputación de Ourense nunca lle puxeran reparos e reprochou ao xefe de Persoal e a técnicos que non lle advertisen.

ANULACIÓN REXEITADA

A declaración comezou tras quedar resolta a cuestión previa formulada pola súa defensa na que pediu e argumentou a anulación de todas as dilixencias por varios "vicios", como a investigación previa do fiscal, "na que nunca se tomou declaración ao acusado", ou a pregunta "formulada a todas as testemuñas durante a instrución sobre a súa ideoloxía política", entre outros.

A xuíza rexeitou a nulidade e deu paso á declaración de José Luis Baltar, que se produciu nunha sala ocupada por medios de comunicación e unha decena de persoas máis, mentres que na entrada do pazo de xustiza permaneceron unha vintena de persoas que non entraron.

A expectación creada por este xuízo levou á colocación de vallas para limitar o corredor de entrada ao edificio xudicial, pero Baltar eludiu situacións como a da súa entrada para declarar ante o xuíz de instrución, en 2013, e chegou unha hora antes, cando non chegara ningún dos seus achegados, e só puido ser visto por algúns fotógrafos.

Te puede interesar