OURENSE

Baltar amosa en Bruxelas o modelo de xestión provincial

Participará no 'I Cumio europeo de gobernos locais intermedios', a comezos de decembro

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, levará a Bruxelas o Plan Ourense 92 e a modernización da institución provincial, así como a súas medidas para a transparencia e o achegamento da administración á cidadanía. Baltar Blanco foi convidado a participar no "I Cumio europeo dos gobernos locais intermedios" que celebrará en Bruxelas os vindeiros 1 e 2 de decembro para expoñer o seu modelo de xestión na Deputación de Ourense, un modelo que, segundo di o presidente, situou en menos de tres anos á institución provincial ourensá na vangarda de moitos indicadores de xestión administrativa, ética e económica e que agora se dará a coñecer na sede do Comité das Rexións de Europa diante de responsables de gobernos intermedios de países como Alemaña, Francia, Bélxica, Reino Unido, Croacia e Moldavia.

O día 1 de decembro, Manuel Baltar presentará as liñas de xestión do Plan Ourense 92, as estratexias levadas a cabo para incrementar a cooperación e servizos cos concellos, os proxectos innovadores no ámbito da e-administración e da denominada "provincia intelixente" e as accións que ten dado a Deputación en materia de rexeneración democrática -entre os que destacará a aprobación do primeiro Código Ético dunha deputación- e en participación cidadá. Di que esas medidas convertírona nun dos gobernos intermedios "máis transparentes" de España e lembra que así o recoñece a organización non gubernamental Transparencia Internacional.

Asemade, abordará o tema da "Perspectiva provincial sobre a aplicación da Estratexia Europa 2020", de máxima actualidade pola importancia que ten a chegada de fondos europeos no periodo 2014-2020. Nesta mesa de debate os líderes dos gobernos locais intermedios proporán recomendacións á Unión Europea para axudar aos gobernos locais intermedios a financiar os investimentos necesarios para dous temas de gran relevancia para Ourense como son o crecemento e o emprego.

Xunto a Manuel Baltar participarán Luc Delire, da provincia de Namur (Bélxica); Simone Abraham Tisse, do departamento du Val-de-Marne (Francia); Friedel Heuwinkel, de Kreis Lippe (Alemaña), e Ian Lawson, de Stafforshire County (Reino Unido), nun acto no que ademais se asinará a Carta de Gobernanza Multinivel coa presenza do presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun.

Te puede interesar