Baños de Molgas conta xa con plan de urbanismo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, reúnese co alcalde de Baños de Molgas, Jaime Óscar Iglesias, para abordar asuntos de interese municipal en materia urbanística.
photo_camera O alcalde Jaime Óscar Iglesias e a conselleira Ángeles Vázquez, na recepción do documento.
O documento incorpora doce núcleos catalogados e quere potenciar o recurso termal

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou onte a orde de aprobación definitiva do PXOM de Baños de Molgas (Ourense), "un documento que está chamado a guiar a evolución urbanística do concello durante os próximos 20 anos e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora", segundo puxo de manifesto este departamento da Xunta. 

O planeamento garda case 52.000 metros cadrados de espazos libres e outros 30.000 para equipamentos comunitarios

En presenza do rexedor Jaime Óscar Iglesias, a conselleira subliñou que, deste xeito, se culminan case 12 anos de traballo durante os que os redactores do plan xeral tiveron que estudar ao detalle os 67,6 km2 que abrangue o municipio, así como as 13 parroquias nas que se divide o seu territorio.

Desde un punto de vista económico o PXOM prevé a delimitación dunha área de uso terciario á beira do río Arnoia. Trátase dun solo destinado a usos terciarios vencellados á actividade termal, comercial e de ocio, que se quere potenciar como un espazo libre de carácter xeral.

O documento fai unha aposta polo potencial turístico do municipio, para o que propón a identificación, protección e revalorización dos elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnolóxicos singulares do concello polo seu interese cultural ou patrimonial. 

Por isto, catalóganse como núcleos singulares Cachagonza, Almoite, Santa Eufemia, Fondodevila, Suatorre, Cardoeiro, Sanguñedo, Calvelo, Xocín, O Pazo e Vilar. Co mesmo obxectivo, o novo PXOM prevé desenvolver varios instrumentos de ordenación para protexer zonas ou elementos que pola súa singularidade merecen un tratamento especial. 
Contempla a revisión da ordenación detallada do núcleo de Santa Eufemia e a redacción dun Plan Especial de Protección para poñer en valor este ámbito; a elaboración dun Plan Especial de Protección dos Petróglifos do concello, declarados Bens de Interese Cultural; e que o casco histórico do municipio, pola súa riqueza arquitectónica, sexa obxecto dun Plan Especial de Protección do Casco Histórico. 

O plan limita a súa capacidade máxima de uso residencial a algo máis de 500.000 metros cadrados, cunha previsión de 404 novas vivendas nos seus 20 anos de vixencia. Finalmente, o planeamento reserva 51.890 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e outros 29.235 a equipamentos comunitarios, a pesar de que por lei o Concello de Baños de Molgas non ten obriga de establecer reservas mínimas no PXOM.

Te puede interesar