educación

Barbadás dá axudas para material escolar de Infantil

O concello dará ata 90 euros por familia, priorizando as de menos recursos, cun investimento total de 5.000 euros

O Concello de Barbadás destinará ata 90 euros por neno ás familias con alumnos matriculados en Educación Infantil para o curso 2019/2020 para o pagamento dos libros e o material didáctico.  Estas axudas están dirixidas a familias en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo, cun umbral  de ingresos de 5.200 euros netos anuais por cada membro  da unidade de convivencia. 

O prazo para realizar as solicitudes iniciarase o día 2 de setembro e rematará o día 27 dese mesmo mes. O Concello de Barbadás destina un total de 5.000 euros para investir neste programa de axuda ás familias con fillos na etapa educativa de Infantil.

As bases para a aprobación deste programa de axudas, que se aprobaron por decreto da Alcaldía o pasado 23 de xullo, recollen que poderán beneficiarse das mesmas tanto os matriculados en centros públicos como os privados en tramos concertados, exceptuando aqueles cursos que se benefician do programa de gratuidade de libros de texto da Xunta de Galicia.

Sobre os umbrais para poder acceder a estas axudas, sitúanse en 5.200 euros anuais por cada membro. É dicir, nunha familia con tres membros, pai, nai e un fillo, non poderá exceder de 15.600 euros. Para poder optar a esta subvención, ademais de non superar ese nivel máximo de ingresos, é preciso estar empadroado no Concello de Barbadás e ter fillos matriculados en Educación Infantil, nas etapas de 3,4 e 5 anos de idade. 

Toda a documentación poderá presentarse nas Oficinas Municipais de A Valenzá e no Concello de Barbadás. Os solicitantes poderán descargar o modelo de impreso de solicitude a través da páxina web municipal. 


Clases de manualidades


O goberno de Barbadás abriu o prazo para contratar  a impartición de clases de manualidades a persoas adultas, cuxo proceso foi aprobado en xunta de goberno local o pasado 6 de agosto. 

Te puede interesar