Barbadás fomenta a lectura con obradoiros para cativos

Nenas de Barbadás participan na actividade do Día do Teatro.
photo_camera Nenas de Barbadás participan na actividade do Día do Teatro.

A biblioteca de Barbadás acollerá esta semana varios obradoiros para o fomento da lectura. O primeiro, “En abril libros mil” conmemora o Día Internacional do Libro infantil e xuvenil que se celebra mañá. A través do xogo, lerase un conto e organizarase un bingo literario. Despois, os cativos de entre 5 e 7 anos -aos que está dirixida a actividade- tentarán recuperar as vogais que faltan nalgúns libros da biblioteca; e, por último, os nenos crearán o seu propio conto. Outra actividade para os cativos foi a que se celebrou o pasado día 3, na que os cativos puideron ser actores por un día para celebrar o Día Mundial do Teatro.

OCEANÍA

Tamén mañá, a biblioteca municipal de Barbadás acollerá a presentación da segunda novela de José García Juncal: “Oceanía”, ás 20,00 horas. Neste libro  son as mulleres que loitan e érguense contra as desgracias e dificultades, logrando consolidar o papel da muller na sociedade xeración tras xeración. O acto estará presentado por María Cristina Cendón, xefa do servizo de xestión de estudos de grao da UVigo.

Pola súa banda, David González Couso presenta “O rastro do verán”, unha obra que aborda a vinculación de Carmen Martín Gaite co lugar de Piñor, dentro do municipio. No evento, que se celebrará este venres no Ateneo de Ourense, o autor estará acompañado por Carlos Fernández, profesor de Historia da Arte, e Emma Martinell, profesora honorífica da Universidade de Barcelona.

Te puede interesar