ÁREA METROPOLITANA

Barbadás inicia a Escola de Familias en novembro

Un total de 41 proxenitores formarase para entender os entornos dos fillos 

Un total de 41 nais e pais participarán na edición 2018/2019 da Escola de Familias que organiza un ano máis o Concello de Barbadás, dos cales 25 serán familias do CEIP Filomena Dato e 16 serán do CEIP O Ruxidoiro.

O listado de admitidos vén de ser publicado polo Concello recentemente, e as actividades comezarán xa no mes de novembro. Os pais do Filomena Dato serán os que inaugurarán as actividades, cunha primera sesión o 9 de novembro, ás 17,30 horas; mentres que os do Ruxidoiro comezarán a semana seguinte, o 16 de novembro, á mesma hora. Ambas sesións serán en cadanseu centro escolar.

A Escola de Familias é un programa de formación para as familias encamiñado a dar respostas ás dúbidas xurdidas no proceso de educación e dotalas de recursos e orientacións.

Está dirixido ás familias con nenos e nenas en etapas educativas dende o nacemento ata adolescencia, interesadas en informarse e formarse. Son talleres abertos, dinámicos e continuos, nos que as familias sairán con ferramentas que poderán poñer en práctica, e na que poderán aclarar as súas dúbidas.

O programa vén desenvolvéndose desde o curso 2016/2017, polo que encara a súa terceira edición, froito do acordo entre a Concellería de Educación, a cargo de Marga Pérez, e os distintos centros escolares.

"O curso pasado houbo unha gran participación", destacou, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, que sinala qu eo obxectivo volverá ser "integrar e educar a pais e nais sobre circunstancias que poden acontecer no entorno escolar, como casos de acoso escolar, o uso das novas tecnoloxías...".

Con isto, os pais poderán ter máis coñecementos sobre os novos entornos escolares, e saber como reaccionar e falar cos fillos na casa.


Reforzo de inglés


A Concellería de Educación de Barbadás vén de anunciar tamén a posta en marcha dun novo curso de clases de reforzo escolar de inglés para alumnos de Secundaria e Bacharelato e terá aberto o prazo de solicitudes dentre o 22 e o 26 de outubro.

O servizo está xestionado directamente polo Concello e para que se poidan impartir as clases será preciso un mínimo de oito alumnos, mentres que o número máximo de persoas por clase será de 12. 

Te puede interesar