ÁREA METROPOLITANA

Barbadás, A Peroxa e San Cibrao ofrecen opcións de conciliación para o verán

<p></p>
photo_camera Unha das actividades doutra edición dos campamentos de Barbadás.

Abertas as inscricións para diferentes campamentos na época estival

Os concellos de Barbadás, A Peroxa e San Cibrao xa ofertan prazas para os seus campamentos de verán. Queda un mes para que rematen as clases e os pais xa andan á busca de solucións e os concellos da área metropolitana empezan a ofrecer as súas posibilidades.

O Concello de Barbadás ofrece ás aldeas de As Lamas, Barbadás, Sobrado do Bispo, Bentraces, Loiro, Finca Fierro, Parada, Piñor e O Fonsillón a opción de solicitar campamentos "Verán de troula", que se celebrarán durante o mes de xullo nos locais sociais destas parroquias. Os destinatarios destes campamentos serán nenos de entre 5 e 12 anos.

O obxectivo do goberno municipal é "favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante a tempada estival w fomentar n actitudes e valores positivos, tales como a cooperación, a solidariedade e o respecto mutuo, creando un entorno educativo durante o verán", explica Marga Pérez, concelleira de Educación.

O número máximo de participantes por campamento será de 20 nenos e o mínimo de 12. O prazo de preinscrición rematará o 29 de maio.


San Cibrao


Por outra banda, no Concello de San Cibrao das Viñas ofrecen ata 25 prazas para un campamento de verán, que neste caso non estará no municipio, senón na Mariña lucense, en concreto en Viveiro. Neste caso está destinado a nenos de entre 9 e 14 anos, e celebrarase do 23 ao 29 de xuño. Haberá actividades moi relacionadas co medio acuático.


A Peroxa


Por último, o Concello de A Peroxa subvencionará con 100 euros a inscrición dos seus nenos e xóvenes no campamento de inmersión lingüística "Peares Adventure Camp" que se celebrará do 1 ao 8 de xullo.

O prezo é de 280 euros, pero no caso dos mozos da Peroxa a cantidade reducirase en 100 euros. Desenvolverase nun máxico lugar, como é a Ribeira Sacra.

Te puede interesar