La Región

POLÍTICA LOCAL

"As bases non pintan absolutamente nada en Podemos Ourense, está secuestrado o círculo"

O que foi candidato de Podemos Ourense na cidade dá un paso a un lado, polo descontento coa dirección da formación. Como militante, di que a ineficacia e incapacidade dos actuais líderes están estragando un proxecto con potencial
David Alvarado.
David Alvarado.
"As bases non pintan absolutamente nada en Podemos Ourense, está secuestrado o círculo"

O que foi candidato de Podemos Ourense na cidade dá un paso a un lado, polo descontento coa dirección da formación. Como militante, di que a ineficacia e incapacidade dos actuais líderes están estragando un proxecto con potencial; non vou investir tempo en pelexar nunha guerra civil". David Alvarado, que volveu a Ourense logo de moitos anos fóra, di que agardará "a ver en que momento podo contribuír coa cidade, para iso volvín á casa". A incomunicación é total: "Só me chamaron para que lles devolvese as chaves da sede". 

Que é Podemos Ourense?

Unha etiqueta desprovista dunha organización estable, constante, seria, rigorosa, sen folla de ruta nin obxectivos claros. É unha improvisación constante, que está en mans de persoas que desvirtúan o sentido dunha formación que pretende ser das bases,, que non pintan absolutamente nada. Teñen secuestrado o círculo. Instrumentalizan as primarias para logo non contar coas bases.

Que función ten este círculo?

Depende da decisións dunhas poucas persoas que teñen o poder. Desde as eleccións, estivo catro meses sen reunirse. Foi unha inacción total e absoluta. Agora conseguimos unha frecuencia de dúas semanas, pero o que se debate é manipulado polo secretario xeral e o seu Consello Cidadán. O último exemplo é a acta da última asemblea, unha caricatura do que realmente se dixo. 

Consultouse algo de cara ás vindeiras eleccións xerais?

Enterámonos polos medios de que o candidato era David Bruzos. Na última asemblea comentouse como feito consumado. Ao final si que houbo consenso, aceptouse, ninguén estaba contra Bruzos, pero si do método que se empregou para elixilo. A forma na que se designou non difire daqueles partidos que criticamos.

Nótase a aparición de Más País?

Más País é Podemos 2. Xente que acabou farta da lóxica de Podemos. Pero non ten unha folla de ruta diferente. 

Hai algunha alternativa?

Hai que tomar decisións, hai que estar nas loitas cidadás, facer traballo de implantación. Fixémolo nas municipais e a idea era continuar o que non se fixera antes. 

E a reunión con Jácome?

O partido non fixo nada a nivel local desde as eleccións. Estivo ausente nas decisións determinantes da xestión da cidade ata que ao secretario xeral e á voceira se lles ocorreu facer unha visita con nocturnidade e alevosía ao alcalde, sen consulta previa co círculo. Foron cunha escolma de motivos que non teñen nada que ver coas prioridades da cidade. Non hai Podemos en Ourense, non hai seguemento da política local, non é vector de oposición nin de nada. 

Foi un erro non ir con OueC?

Ao mellor foi un erro ter ido con OueC antes e non identificarse e construír Podemos Ourense moito antes. Despois das eleccións houbo unha asemblea autocrítica. Saíron moitos elementos interesantes a corrixir, pero da dirección fixo un documento que presentou a Santiago desprovisto desas críticas. Hai complacencia. Podemos Ourense  vai ben se en España vai ben, e vai mal se en España vai mal. Non hai vontade de traballar desde a base e non o vexo factible coa xente que hai.