“Belesar é a catedral gótica da era moderna'

Eiré estará esta tarde en La Región.
Esta tarde, ás 19,00 horas, preséntase na libraría La Región, no Centro Comercial Paseo, o libro 'Belesar: o orgullo de España', o derradeiro traballo deste polifacético escritor, que recolle a polémica historia do faraónico encoro do sur da provincia de Lugo en pleno ano do seu 50 aniversario. O acto contará cunha tertulia co propio Eiré como protagonista.
Despois de tocar variados temas en toda a súa obra, por que se inclina agora por Belesar?
Son tres os aspectos a ter en conta deste encoro: primeiro, que Belesar foi a maior presa europea dos anos sesenta; segundo, que ademáis dun encoro, é un símbolo do franquismo; e terceiro, que marcou un antes e un despois na construcción de encoros a nivel mundial. E a todo iso haille que engadir que eu son de Chantada.

Foi sinxelo construír un encoro tan extenso?
Esta presa foi a última que non tivo unha grande protesta veciñal organizada. Nin se lle pediu incluso permiso ao Concello de Chantada para facer a obra, e cando o alcalde quixo protestar, cesárono. Nin sequera hai un informe oficial dos lugares que se perderon ou das familias afectadas. Creouse unha opacidade por parte do Réxime na que ninguén podía facer nada, e no caso da aldea de Portomarín, que fora declarada conxunto histórico artístico-monumental polo propio Franco, quedou anegado tamén, e só se salvou unha igrexa, mentres que non sabemos que acabou debaixo da agua, pero está claro que foron cousas moi valiosas.

Que se perdeu coa construcción desta presa en 1963?
Falamos dunha inundación de máis de 2.000 hectáreas, polo que se perderon non só terras, senón toda unha cultura. Había praias, explotacións gandeiras moi potentes, pesca de lampreas, anguías, marisco... Rompeu vínculos entre as distintas aldeas e as tradicións que tiñan que ver co paso del río, como vodas que se celebraban dun lado a outro do Miño. Paréceme irónico que cando se celebrou o 25 aniversario de Fenosa falárase nun vídeo conmemorativo de que Belesar anegara terras infértiles, e está demostrado que non foi así.

O seu libro combina reivindicación histórica coa defensa de Belesar coma centro turístico...
O dano que fixo este encoro ya está feito, agora hai que pór en valor esa nova paisaxe que xerou. Non se pode deixar aí esquecido, porque despois da obra explotábase turísticamente a zona, e agora non se fai. A presa é peculiar, porque malia ter unha altura de 100 metros, ten unha anchura de 29, cando anteriormente só se facían de 90, e isto é revolucionario. Eu pregúntome por que, se cando vas a Exipto a ver as pirámides ensínanche tamén a presa de Asuán, non podemos facer o mesmo con Belesar. E hai que recordar que fora a presa industrial máis importante de Europa no seu momento. O salto de Belesar é a gran catedral gótica moderna, e os demáis encoros eran románicos, é dicir, antes eran baixos e anchos, e esta presa foi moi alta e moi estreita. E debemos pór iso en valor. n

Te puede interesar