ourenrock

Benposta, territorio musical

O concerto de Tregua foi un dos primeiros pratos fortes do OurenRock (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera O concerto de Tregua foi un dos primeiros pratos fortes do OurenRock (XESÚS FARIÑAS).

Gastronomía, artesanía e música invaden Benposta. A cuarta edición do OurenRock Sound arrincou cunha aposta variada na que houbo espazo para o rock, o punk, o rap e os ritmos mestizos, entre outros. A segunda parte da festa, este sábado.

O escenario do OurenRock Sound deixou clara, na xornada inaugural, a decidida aposta do festival pola diversidade musical. O público gozou dunha gran variedade de estilos, dende o punk contestatario de Boikot ata os ritmos mestizos de Bemba Saoco, o rock de Tregua ou o rap de Sons of Aguirre. 

Dende as oito da tarde, o recinto comezou a actividade coa apertura da feira gastronómica, da vitivinícola e da adicada a artesanía, onde xa se percibía un animado ambiente, pese ás elevadas temperaturas que se mantiñan a esas horas. Pouco antes das nove, o groso do público comezou a dirixirse cara ao escenario para colocarse nas primeiras filas e gozar dos directos dende unha situación privilexiada. O recinto quedouse pequeno para acoller aos centenares de persoas que disfrutaron dos seis concertos da primeira xornada do OurenRock Sound. 

A xornada de hoxe arrinca ás 17,00 horas coa apertura das feiras e con diversas propostas de actividades. A partir das 19,30 horas volve a quenda musical co grupo Cuarta Xusta.


"O porquiño polo que vale", en directo dende o festival


O recinto do festival convertirase hoxe pola tarde, a partir das 17,00 horas, no plató do programa humorístico "O porquiño polo que vale" da TVG e en colaboración con Telemiño. Duarte Galbán e Tamara Pérez, os presentadores, porán a proba aos concursantes, ademais de facerlles pasar un bo rato. O público tamén pode participar nos diversos obradoiros que propón a organización: alfarería, grafitti, barbería e construcción de guitarras. A feira gastronómica, a vitivinícola e a artesanal tamén estarán abertas dende as 17,00 horas. O prezo das entradas para a xornada de hoxe é de 25 euros, e haberá servicio de autobuses directos a Benposta e tamén de Moucho bus.

Te puede interesar