A Biblioteca de Beariz engade novas obras en lingua galega

Instalacións da Biblioteca pública municipal de Beariz.
photo_camera Instalacións da Biblioteca pública municipal de Beariz.

A Consellería de Cultura e Turismo acaba de conceder subvencións á Biblioteca pública municipal de Beariz para a adquisición de novidades editoriais en galego, a mellora de coleccións bibliográficas, e tamén para o desenvolvemento do programa "Ler conta moito 2020", de actividades de dinamización da lectura, ao tratarse dunha biblioteca integrada na Rede de Bibliotecas públicas de Galicia. 

Para obter estas axudas, as actividades deben desenvolverse en  galego, nas instalacións da biblioteca, espazos do concello ou en exteriores e deberán manter unha relación clara entre o servizo bibliotecario e a actividade de promoción da lectura. Así mesmo, o 25% das adquisicións deben ser en galego, segundo apuntan os responsables municipais.

Deste xeito, as subvencións foron de 487 euros para a adquisición de novidades editoriais en galego; 773 euros para coleccións bibliográficas e dentro do programa "Ler conta moito 2020", 859 euros, ao que o concello debe engadir 286 euros.

O número de volumes na Biblioteca pública municipal de Beariz ascende a 10.636 e na actualidade conta con 869 socios. Ano tras ano o concello vai ampliando e renovando o seu fondo editorial mediante a adquisición de libros suxeridos polos lectores. 

Ademais, esta biblioteca é depositaria dunha importante doazón de exemplares de obras de Leopoldo Durán, amigo íntimo do escritor Grahan Greene. Foron doados pola súa irmá Erundina Durán e son as obras coas que a biblioteca obsequia aos novos socios como regalo de benvida. 

Outra obra importante que destacan os responsables municipais é o Diccionario Enciclopédico Espasa que foi doado por veciñas deste Concello de Beariz; e conta tamén con diversos libros procedentes da familia de Concepción Arenal que tamén contribuíu a enriquecer esta  biblioteca municipal.

Te puede interesar