A “biblioteca-palleira” de Esgos, lista antes de 2023

Estado inicial da palleira a rehabilitar.
photo_camera Estado inicial da palleira a rehabilitar.
O pleno aprobará un cambio do proxecto, pero sen mudar o orzamento

A singular nova biblioteca de Esgos estará rematada este mesmo mes de decembro. O pleno do Concello de Esgos aprobará unha modificación dos últimos detalles do proxecto, a petición do arquitecto, César Portela, que non implicará unha variación presupostaria, que se manterá nos 200.000 euros. Esta obra consistiu na rehabilitación dunha palleira do século XVIII, así como da súa contorna. Está situada na rúa Soutueira, na capitalidade do concello.

Esta rehabilitación nace a raiz dunhas “necesidades de actuacións de carácter sociocultural que permitan unha adecuada oferta para que as necesidades que nesta materia que teñen os veciños estean atendidas dunha mellor maneira, dada a insuficiencia do espazo actual na Casa Consistorial, onde non hai cabida para todos os usuarios, creando un espazo accesible que fomente o hábito da lectura na poboación”, destaca o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, quen se amosou moi orgulloso do traballo realizado, asegurando que “quedou realmente ben”.

A lectura é unha práctica moi estendida neste municipio. A biblioteca municipal, que se trasladará a esta palleira, gañou en catro ocasións consecutivas os premios María Moliner de animación á lectura que convoca o Ministerio de Cultura. 

O Concello acometeu outras actuacións en infraestruturas, como o acondicionamento da zona do aparcamento na contorna da igrexa de Quinta do Monte e o asfaltado da estrada entre Melón de Arriba e Os Arcos. 

Te puede interesar