A biblioteca sempre está de moda entre os veciños de Esgos

Unha rapaza posa co seu agasallo en forma de planta.
photo_camera Unha rapaza posa co seu agasallo en forma de planta.
Por cuarta ocasión consecutiva, a biblioteca municipal de Esgos volveu ser recoñecida nos premios María Moliner de animación á lectura. Este é un dos puntos de referencia para toda a veciñanza.

A biblioteca está de moda”, este é o título do proxecto que levou a este centro municipal de Esgos a gañar, por cuarta edición consecutiva, un premio María Moliner, outorgado polo Ministerio de Cultura ás mellores campañas de animación á lectura. “Decidimos enfocar este proxecto cara a nova biblioteca, que ultimamente acadou moita repercusión mediática  por ser unha rehabilitación dunha palleira”, explica a única responsable deste éxito, María Touza, que idea e desenvolve as ducias de campañas que pon en marcha a biblioteca cada ano.

Touza explica que “cada día destacable temos unha actividade: polo día do libro, polo Samaín, por San Valentín, etc… E así, ademais de atraer xente ao evento, facemos lecturas temáticas”. Esa animación constante é un dos segredos do seu éxito, tanto en nenos como en adultos. Algunha das campañas para os maiores son o “Febreiro reposteiro”, no que se repartiron libros de cociña e se puñan en común as recetas aprendidas; durante outro mes promocionaron os libros de xardinería “que tiveron moito éxito” e, con cada préstamo dun libro relacionado con esta temática, “regalábase unha plantiña como detalle”. “Tratamos de ter algo todos os meses”, resume Touza.

Estas actividades son unha forma para que a xente “á que lle dá vergonza veña á biblioteca un día e repita despois”. Outro xeito é grazas aos usuarios, que convencen a veciños e amigos levándolle libros directamente á casa para “enganchalos” e que “despois xa veñan eles por si mesmos”.

Estes galardóns axudan a afondar no modelo de éxito co que traballan nesta biblioteca, xa que, “os 2.000 euros de premio só se poden adicar a comprar libros, e a nós axúdanos moito para cumprir unha das nosas máximas: ter os libros que a xente quere, que habitualmente son os máis novos”. 

40% da poboación

As cifras confirman o orgullo que supón para un concello de 1.100 habitantes a súa biblioteca. Cada día pásanse polas instalacións 15 persoas, o que fai unha media de 450 ao mes, un 40% da poboación. Todo isto sen contabilizar as persoas que acoden puntualmente pola celebración dun evento. Ademais, en todo o ano 2021 realizáronse nesta biblioteca un total de 654 préstamos de libros.

Máis ca unha biblioteca

O certo é que en Esgos a biblioteca é moito máis ca iso, chegando a ofrecer case un servizo social e familiar, sendo “un punto de encontro”. “Proporcionamos tódolos libros de lectura obligatoria aos nenos das escolas para que eles non teñan que facer o esforzo de mercalos”, di a responsable, que recoñece que é “un dos servizos mellor valorados”. Ademais, os préstamos son flexibles e “como nos coñecemos todos, chamamos directamente para que pasen dun neno a outro e non se esquezan de que son de todos”.

Pero non só iso, durante a pandemia a biblioteca non parou a súa actividade. “Durante a pandemia, grazas á colaboración de Protección Civil -da que María Touza forma parte- fomos quen de levar os libros ás casas dos veciños. Tamén imprimiamos os deberes dos nenos e repartiámolos tamén a domicilio por se alguén tiña dificultades”.

Pereiro, Ribadavia e Verín, premiados

O Ministerio de Cultura e Deporte premiou os proxectos de outra ducia de bibliotecas municipais radicadas na comunidade na XXII edición dos Premios María Moliner, segundo informou a Delegación do Goberno. Ademais da de Esgos figuran as de Pereiro de Aguiar, Ribadavia e Verín en Ourense. Tamén destaca as propostas presentadas polos concellos galegos de Ares, Ortigueira, Mañón, Oleiros, Sober, Campo Lameiro, O Grove, Pazos de Borbén e Soutomaior.

Trátase de proxectos de animación á lectura presentados no marco destes premios concedidos polo Ministerio, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (Fegamp). Os mesmos están dirixidos a propostas presentadas por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes. O importe total co que foron galardoadas ascende a 36.111 euros a razón de 2.777 euros por biblioteca e proxecto, que só poden destinar á compra de libros para actualizar os seus catálogos.

Te puede interesar