Ourense

O BNG aposta polo reforzo na seguridade viaria da cidade

Ourense

Política

O BNG aposta polo reforzo na seguridade viaria da cidade

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense amosa a súa preocupación polos continuos sinistros relacionados coa seguridade viaria e o tránsito dos peóns nas rúas da cidade. Os nacionalistas recalcan que o Concello "ten a responsabilidade de traballar en humanizar e democratizar as rúas e espazos públicos da cidade contribuíndo a que sexan espazos seguros e de convivencia, polo que deben traballar arreo en minimizar ao máximo os riscos e as consecuencias dos sinistros que se poidan producir". 

O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, sinala que "é preciso apostar por cidades onde os peóns sexan a prioridade e porén as rúas e espazos públicos estén pensandos para eles, polo que é preciso invertir a escala de prioridades".

O BNG tamén entende que as sendas peonís e os paseos fluviais teñen que ser zonas de coexistencia entre os diferentes elementos de mobilidade como patíns ou bicicletas. "Para o BNG a solución non pasa por prohibir o uso destes elementos, senon de delimitar claramente os seus percorridos, de controlar e penalizar aqueles comportamentos á marxe da normativa vixente e mesmo de educar e sensibilizar á poboación no seu conxunto. Non se trata de sinalar ou criminalizar a ningún colectivo, se non de pór as condicións para que poida existir unha convivencia pacífica entre todos", comentan.