Ourense

O BNG considera “continuistas" os orzamentos de Cea

Ourense

O BNG considera “continuistas" os orzamentos de Cea

Os nacionalistas repróchanlle ao goberno do PP o gasto dun 44% en persoal e só o 16% de inversións reais

O BNG de San Cristovo de Cea califica o orzamento de 2021 de "continuista e ineficaz". Xustifica o seu voto en contra porque prevé un 44% de gasto en persoal e só un 16% para inversións reais do montante total de 2.050.000 euros e "ningunha novidade dirixida a inflexionar a liña decadente do concello". Así mesmo, considera que é unha copia do ano precedente, "polo que resulta ineficaz para afrontar a situación decadente que vén padecendo o Concello desde fai moitos anos". 

Entre outras cousas, os nacionalistas reprochan ao goberno "popular" que non se contempla medida algunha para afrontar a crise actual derivada da pandemia do covid-19, nin tampouco accións concretas para reactivar a economía como impulsar actividades agrarias, gandeiras, forestais, comerciais ou servizos ao turismo.

Ademais,o BNG manifesta a súa discrepancia con respecto a un dos créditos contraídos con unha entidade bancaria, que a 31 de decembro de 2019 figuraba na contabilidade con 20.000 euros menos de débeda que na previsión do mesmo para o ano 2021. 

Este grupo da oposición de San Cristovo de Cea tamén presentou dúas mocións, unha para solucionar os afundimentos na pista de acceso ao Val e outra para recuperar o formigonado orixinal nas vías de Vilaseco.