POLÍTICA LOCAL

O BNG alerta da perda de 65 sanitarios na última década

Os nacionalistas falan de "grave deterioro" da sanidade pública na provincia co goberno do PP

O BNG alza a voz ante o "gravísimo deterioro da sanidade pública" en Ourense e convida aos cidadáns a acudir este domingo a Santiago de Compostela á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública. A parlamentaria Noa Presas alertou onte do "desmantelamento"  sanitario en Ourense, "especialmente nos hospitais comarcais coa nova Lei da Saúde". Tamén falou da situación "alarmante" da Atención Primaria, incidiu en que os Orzamentos da Xunta destinan "2.188 millóns menos", o que se traduce en "perda progresiva de recursos e persoal".

En concreto, o BNG cuantifica a perda en "65 profesionais menos en Ourense dende 2009, a segunda macroárea que máis perde", polo que avanzaron que esixirán no Parlamento un "Plan de Recuperación de persoal e especialidades". Presas destacou que "todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público. Vémolo en Ourense, onde por exemplo algo tan sinxelo como unha intervención no xeonllo é derivado sistematicamente á privada".

Pola súa banda, o candidato do BNG na cidade, Luís Seara, ve un "desprezo evidente" da Xunta a Ourense coa situación actual da sanidade pública, que exemplificou co estado dalgúns dos centros de saúde da cidade, como o da Ponte  que se –"que se converterá nunha rotonda"–, o do Vinteún –"que xa vai cun retraso de 10 anos"– ou as deficiencias no do Couto –"con apenas un ano de vida"–.

Neste senso, Seara chamou aos ourensáns a actuar e pedir solucións: "Temos que reaxir, a sanidade non é un negocio". Neste sentido, anunciou que haberá servizo de autobuses para a manifestación deste domingo en Santiago. 


Presas ve posible “electoralismo" coa hemodinámica


Sobre a implantación do servizo de hemodinámica –a sala que atende patoloxías cardiacas urxentes– 24 horas, Noa Presas volveu incidir en que se ten que abrir "de xeito inmediato". Espera que o movemento dos parlamentarios ourensáns do PP, que rexistraron unha iniciativa para pedir que se poña en marcha no 2019, non sexa "propaganda barata". A deputada autonómica do BNG sostén que o PP está "moi nervioso" e está xogando co "electoralismo", coñecedores, dixo, de que "poden perder a alcaldía da cidade e a Deputación".  Só nesa dirección entende esta "rectificación". Malia iso, Presas dixo que esixirá "unha desculpa" polo retraso, que atribúe tan só a "cuestións económicas". No pleno do Parlamento da vindeira semana, Presas interpelará ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, por este asunto. 

Te puede interesar