política - ourense

O BNG garante a loita por un futuro: "Ou nós ou ninguén"

O candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, intervén no mitin nacionalista (ÓSCAR PINAL).
photo_camera O candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, intervén no mitin nacionalista (ÓSCAR PINAL).

Ana Pontón destaca que "necesitamos ter voz propia" e anima a "derrotar ás enquisas cociñadas"

O BNG postulouse nun ateigado Teatro Principal como a única forza capaz de defender os intereses galegos a partir do 28 de abril. O candidato ó Congreso, Iago Tabarés, destacou que "ou somos nós os que nos encargamos do noso futuro ou ninguén o fará", animando a defender "patrimonio" como a lingua galega, "porque a ninguén se le ocorriría derrbar a Catedral de Santiago".

O aspirante á Cámara Baixa criticou que no resto de forzas "non se saiba a quen presentan porque só hai carteis de Casado ou Sánchez e falou "do voto útil", aquel que servirá para que non goberne a dereita rancia e vaiamos a unha involución democrática". Tabarés reclamoi tamén un modelo de financiamento propio "xusto" e "recuperar a autonomía dos concellos".

Mentres, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que durante toda a campaña "estamos sentindo moita ilusión por cambiar as cousas", apelando "ó verdadeiro voto útil, aqueles que poden frear á dereita antigalega e quitarlle escanos a Vox e Ciudadanos". A máxima responsable dos nacionalistas lembrou que "necesitamos recuperar voz propia en Madrid", pondo como exemplo a "non derogación de leis como a Lomce ou a reforma laboral, así como o trato dispensado nos orzamentos, primeiro os do PP e logo os do PSOE, Podemos e En Marea".

Nesa alusión ás outras forzas, Pontón animou ós asistentes "a non facerlle caso a esas enquisas con máis cociña ca o masterchef coas que queren desmobilizar, senón que hai que derrotalas con esas papeletas do BNG".

Así, subliñou que "estamos nun momento excepcional, con moitos dereitos en xogo". Dixo que "é preciso estar no debate territorial para decidir se Galiza no tren das nacións ou das rexións", polo que ve "imprescindible que esteamos con voz propia en Madrid".

O candidato á Alcaldía de Ourense, Luis Seara, sinalou que Galiza "estivo orfa" na última lexislatura, "como vimos nuns orzamentos nos que non nos tocou nin o reintegro". O nacionalista lembrou cando o BNG foi decisivo na aprobacións dunhas contas de José Luis Rodríguez Zapatero. "O PP dicía que eran migallas cando foi un investimento histórico. Como lle chamamos entón o dos últimos anos? Foi unha indecencia, traizón e servilismo", dixo.

A candidata ó Senado Gloria Viana afirmou que "temos que estar porque se toman decisións vitais para nós, somos os únicos que podemos defender os intereses porque non lle rendimos contas a ninguén para mellorar a nosa terra". Viana comprometeuse a traballar "por que a xuventude poida quedar aquí" e pediu "autoestima como teñen os de Allariz ou Seixalbo, que falta nos fai".

Conduciu o acto Xosé Lois González "O Carrabouxo", que aspira ó Senado, cun discurso en clave de humor que fixo rir a todos os asistentes "no quilómetro cero do nacionalismo galego, xunto á casa na que naceron Otero Pedrayo ou Risco". O humorista animou "a levar a Madrid a Iago Tabarés porque se o BNG está, Galiza está".

Te puede interesar