TRIBUNALES

BNG, En Marea e Ourense en Común piden a dimisión de Florentino Delgado

As tres formacións políticas explican que o fiscal xefe de Ourense "pretende culpabilizar" á muller que denunciou a Manuel Baltar ao abrirlle xuizo oral 

Diferentes formacións políticas pediron  a dimisión do fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por "pretender culpabilizar" á muller que denunciou ao presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, por ofrecerlle supostamente un posto de traballo a cambio de sexo.

Así, En Marea pide a súa dimisión "pola súa intolerable actuación" ao "perseguir á vítima do presidente da Deputación de Ourense" cando, segundo explica, "o propio auto da xuíza asegura que quedan probadas as actitudes vexatorias e humillantes cara á vítima".

Para a deputada de En Marea Paula Quinteiro trátase de "unha proba máis do grave problema de machismo na sociedade" que, ao seu xuízo, "reflíctese en comportamentos como do fiscal Florentino Delgado". "Quen debería defender á vítima colócase ao lado do agresor non só deixando indefensa á muller senón que vai máis aló e pretende impulsar unha cazaría contra ela culpabilizando á vítima do sucedido", abundou.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha visita na provincia de Ourense tachou de "auténtico escándalo" que o fiscal pida a apertura dun xuízo oral por un delito de coaccións contra a muller que denunciou a Baltar.

"Estamos a ver como unha muller que denuncia un caso claro de acoso sexual de violencia de xénero, porque todos puidemos escoitar as gravacións, agora a Fiscalía no canto de perseguir aos agresores ponse ao lado destes", lamentou Pontón.

Por iso, sinala que supón que "o feito de que a persoa denunciada sexa o señor Baltar explica a situación de absoluto disparate". "O fiscal xefe de Ourense o que acaba de demostrar é que é o Moix de Galicia", sostivo.

Por iso, advertiu de que "ante unha situación tan grave" non se van a "quedar cos brazos cruzados". "Porque sabemos os vínculos que hai en moitos casos entre o Poder Xudicial e o Partido Popular".
 

Reprobación

"Por iso imos pedir que o Parlamento de Galicia reprobe e reclame o cesamento do fiscal xefe de Ourense, porque é intolerable a situación que estamos a vivir", concluíu. "Non imos calar ante un intento claro de amedrentar ás persoas que denuncian o caciquismo e abusos da familia Baltar", sentenciou.

Neste sentido, Ourense en Común sumouse á petición de dimisión "inmediata" "por culpabilizar á vítima do caso Baltar". Así, reproba o "vergoñoso exercicio de violencia machista" e alerta "sobe o sector escuro que se move ao redor de Baltar nas estruturas de poder da provincia".

Mentres, a Asociación Feminista Falando Nós expresa a súa "máxima repulsa" despois de que a muller "moi valientemente" decidísese "a denunciar a representantes do poder política da provincia por uns feitos que ben lembran aos tempos medievais".

Te puede interesar