O BNG pide apoio en Maceda para afondar na recuperación económica do agro galego

Alfredo Suárez Canal fixo das actuacións do seu departamento a principal mensaxe dun encontro con gandeiros en Maceda. Neste sentido destacou a incorporación de 4.000 xóvenes ao agro na última lexislatura. Tamén insistiu na necesidade de acudir as urnas o vindeiro día un.
A necesidade de acudir as urnas o vindeiro un de marzo, e os logros da última lexislatura en materia agraria foron os eixos do mitin do cabeza de lista do BNG por Ourense, Alfredo Suárez Canal, en Maceda.

O candidato nacionalista insistiu en que votar ‘é un exercicio de afirmación da nosa racionalidade, o que nos diferenza como especie’, e por iso conminou ao seu público a acudir as urnas o vindeiro un de marzo para ‘non facerlle o xogo a esas forzas políticas que miden o seu éxito en base a unha grande abstención’.

Durante un encontro con gandeiros da comarca, Suarez Canal salientou o traballo do BNG a prol da agricultura. O candidato nacionalista explicou que con ‘decisión, firmeza, valentía e compromiso’ foi posible a ‘dignificación social e profesional’ dos gandeiros. Neste sentido, salientou que dende o seu departamento (Medio Rural) na última lexislatura potenciaronse os investimentos en infraestructuras e o relevo xeneracional ‘coa incorporación de máis de 4.000 mozos á agricultura e o Banco de Terras’, entre outras actuacións que se comprometeu a rematar na vindeira lexislatura.

Suárez Canal detívose especialmente no cambio de dirección que se lle deu nestes tres anos e medio a todo o sector lácteo. ‘Nunca unha administración estivo tan comprometida co mesmo, malia as limitacións competenciais. Superáronse relacións anacrónicas grazas ao contrato homologado e levamos a voz do noso país ao Estado e a Unión Europea’.

O cabeza de lsita por Ourense fixo especial fincapé no que vai representar o decreto eólico para o medio rural, nomeadamente para o sector lácteo, pois vai dar, por primeira vez, a oportunidade ao cooperativismo agrario de obter beneficio do aproveitamento dos recursos galegos.

Revalidar apoios

Alfredo Suárez Canal concluiu reiterando a necesidade de revalidar o apoio ao BNG ‘porque está o aval do seu traballo’ e porque no caso do medio rural ‘non hai outro sector que estea tan necesitado de apoiar unha forza política propia ante as decisións tan importantes que se aveciñan’.

Te puede interesar