O BNG reclama 300 millóns para frear a crise demográfica

Noa Presas, Ana Pontón e Luís Seara, na comparecencia ante os medios de comunicación.
photo_camera Noa Presas, Ana Pontón e Luís Seara, na comparecencia ante os medios de comunicación.
Sinalan o “agravio e discriminación” do Goberno central e da Xunta en investimentos na provincia 

O BNG reclama un trato “xusto” para a provincia ourensá por parte do Goberno central e da Xunta. Os nacionalistas sinalan o “agravio” de ambas administracións, en particular no referente a investimentos e infraestruturas, tales como a falta de cobertura no rural ou os retrasos na chegada do tren de alta velocidade.

A recente  publicación do Plan de Recuperación de 130 medidas fronte ao reto demográfico, onde non se nomea Ourense, é para o BNG un exemplo máis desta “discriminación”. “Ourense lidera o ranking de perda de poboación en España dende hai máis dun século. Non aparece porque están gobernando sen ter en conta a realidade”, resaltou Ana Pontón, voceira nacional, que recordou a elevada taxa de envellecemento da poboación ourensá. “Se o índice é do 126% en España, é do 301% en Ourense”, explicou. Dos 10.000 millóns de orzamento do Plan, Pontón reclama 300 millóns para a provincia: “Ponderando criterios como o envellecemento ou a dispersión, esta debería ser a contía”. 

Nesa mesma liña, a voceira nacional demanda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, facer efectivas as medidas de impulso económico comprometidas para frear a crise demográfica da provincia. “Ourense ten que entrar de cheo no financiamento que van supoñer os fondos de recuperación europeos (Next Generation). A crise demográfica que está a sufrir pon en perigo o seu futuro”, explicou Pontón. 

O AVE

Os nacionalistas tamén incidiron no “agravio” que supón para a cidade de Ourense -“a terceira cidade de Galiza”- os sucesivos retrasos nos prazos da chegada do tren de alta velocidade (AVE). “Todo o máis que temos agora mesmo é un novo anuncio de licitación nos próximos meses, anuncio que tamén se fixo en 2019, e á vista está o resultado”, apuntou Pontón. A portavoz recalcou a necesiadde de “darlle  á volta” a discriminación sobre a provincia: “Reclamamos que Ourense esté no mapa”

“O GOBERNO LOCAL NON DEFENDE A CIDADE”

Luís Seara, portavoz municipal do BNG no Concello de Ourense, criticou a falta de responsabilidade do goberno local que “non defende os intereses dos cidadáns” ante o “agravio” da administración central e autonómica. Recordou a creación da Estación de Autobuses -”que convertiu o centro de saúde de A Ponte nunha rotonda”- ou as obras ao carón da Ponte Romana -”que están a estragar tanto patrimonio histórico como natural”-, e puxo de manifesto a preocupación do BNG sobre a situación xeral da cidade. “Queremos dar unha mensaxe de esperanza aos veciños, hai futuro, hai esperanza con nós”, resaltou. Ana Pontón, pola súa parte, referiuse ao estado das termas públicas do concello ourensá, pechadas. “É un auténtico disparate que a principal cidade termal de Galicia esté nesta situación, e é un dobre desaxuste, tanto do goberno local como da Xunta. Ningún deles fixo os deberes precisos”, recalcou. O BNG reclama que ambas administracións se poñan a traballar “canto antes”.

Te puede interesar