Transporte

O BNG ve "insultantes” as novas tarifas de Renfe

Será posible viaxar de Madrid a Valencia por 18 euros mentres o Avant a Coruña desde Ourense supera os 25: "É un agravio"

O BNG volveu lamentar o “agravio” nas tarifas de tren para a provincia de Ourense e avanzou que tomará iniciativas tralo anuncio dunha política de abaratamento de prezo das liñas do AVE por parte de Renfe cando en Galicia “non hai nin AVE nin prezos decentes”. A nacionalista Noa Presas  lembra que o tren debería axudar á “cohesión territorial”, pero en Ourense sucede o contrario: “Nós pagamos máis e temos cada vez menos liñas mentres se inviste noutros territorios”.

Coas novas tarifas, poderase viaxar en AVE de Madrid a Barcelona por 27 euros e a Valencia por 18. “É un insulto que isto pase mentres Galiza non ten nin AVE nin prezos decentes e ir nun Avant de Ourense a Coruña custe 25,30 euros. Para máis inri pronto comezarán a funcionar os trens “AVLO” de Madrid a Barcelona que permitirá viaxar por 7 euros, menos da metade do que custa ir de Ourense a Santiago”, saliento a parlamentaria Noa Presas. 

Lamenta que o Goberno non homologue os prezos cos do resto de Galicia “tal e como se demandou unanimemente no Parlamento a iniciativa do BNG no ano 2018”. A parlamentaria tildou de “intolerable” que haxa unha rebaixa dun 16% noutros territorios con mellores conexións mentres o Avant á Coruña  segue ao mesmo prezo: “A rebaixa debera ser como mínimo dun 30%”.

 Presas lembrou a supresión de liñas durante a crise da covid, xa que “ademais de non terse recuperado aínda todas as conexións de longa distancia e tren hotel, é especialmente grave que aínda non se recuperase o Avant das 06,45, que tiña unha alta demanda e que levamos pedindo 8 meses, nos que centos de estudantes ou traballadores tiveron que buscarse a vida e mesmo irse vivir fóra”

Te puede interesar