A bolboretiña do día | Moitos nós

wordcloud (4)

Centenario da revista Nós. Hai moitos nós/ nos en galego. Nós, pronome tónico, o aberto: “Nós somos de Ourense”. Pronome átono, o pechado, “Xa nos dixeron que o erades”. Contracción de en + os, pechado, “Nos campos de Galicia hai moito verde”. E incluso un nós, plural de nó, aberto, que como substantivo ten no dicionario da RAG oito acepcións distintas pero relacionadas coa primeira, exactamente Lazo que se fai cun ou varios obxectos flexibles (fío, corda) e que se aperta tirando dos dous cabos de maneira que sexa difícil de soltar por si só. E así fala dos nós das madeira, informáticos, de velocidade dos barcos, do centro da cuestión, etc. 


O que é curioso para un de Ourense é a existencia do apelido “No”, que eu creo que vén deste substantivo nalgunhas das súas primeiras acepcións. Segundo a Cartogafía dos apelidos de Galicia -entretéñanse na web con ela- hai 128 persoas que o levan, a inmensa maioría en Coruña. Unha vez vinlles unha esquela dunha señora que chamaba a pobriña, María No No.

Te puede interesar