Ourense

Os Bolechas achegan a obra de Carlos Casares aos nenos

Ourense

LITERATURA

Os Bolechas achegan a obra de Carlos Casares aos nenos

O libro parte dun conto de "Vento Ferido" e intégrase na colección "As miñas primeiras Letras Galegas"

Un grupo de nenos que participan nas actividades de Ganeda puideron saudar onte a Os Bolechas no centro cultural Marcos Valcárcel, lugar elixido para presentar o último libro da editorial Bolanda, dedicado a Carlos Casares, e que forma parte da colección "As miñas primeiras Letras Galegas".

Á presentación acudiron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a representante da Fundación Carlos Casares, Lara Bacelo; o editor de Edicións Bolanda, Antonio Couto, e o director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel González.

Na súa intervención, Baltar destacou que a publicación "supón unha excelente maneira de transmitir a nosa lingua, lembrando a memoria dun dos grandes das nosas letras como é Carlos Casares". Pola súa banda, o editor de Bolanda valorou que "este é o primeiro libro dun bolecha que se presenta no propio ano das Letras Galegas", en referencia ao escritor ourensán, que xa comparte colección con Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ánxel Fole, Eduardo Pondal ou Manuel María.

Antonio Couto tamén explicou que o obxectivo de Bolanda coa publicación desta nova obra "é o mesmo que tamén tiña Casares: gañar lectores en galego". E nesta liña continuou a presentación do libro infantil. Lara Bacelo, en representación da Fundación Carlos Casares, preguntou aos nenos se nas súas casas tiñan libros en galego, ao que responderon afirmativamente algúns deles. "Casares, que naceu moitos anos antes ca vós, non tivo esa sorte, no seu tempo os libros non se escribían en galego", explicou aos pequenos. 

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, comentou aos rapaces presentes: "Queremos que faledes en galego, ides facelo así? Podemos marchar tranquilos?", preguntou. "Si!", responderon ao unísono. Finalmente, Víctor Freixanes, presidente da RAG, apuntou que  se trata dun libro "para ler os nenos e tamén os pais e avós, todos".

Nesta obra, Pepe Carreiro adapta o conto "A rapaza do circo", do libro de Carlos Casares "Vento ferido" para relatar unha historia de amor entre un neno galego e unha nova trapecista francesa que chega ao pobo co circo.