elecciones - ourense

Bruzos: "O socialista que non é de pegatina sabe que as nosas políticas o representan"

David Bruzos, durante a entrevista (ÓSCAR PINAL).
photo_camera David Bruzos, durante a entrevista (ÓSCAR PINAL).
Convencido de que a formación olvidou as leas con outros actores das confluencias, Bruzos considera que hai marxe para volver romper o bipartidismo.

David Bruzos (Ourense, 1979) pode presumir de ser o único político fóra do PP e o PSOE que sentou pola provincia no Congreso desde a década dos 80 do século pasado. Conseguiuno en 2015 liderando a candidatura de En Marea. Tralo revés da repetición electoral de 2016, pasou a un segundo plano, pero agora volve encabezar a lista tras non repetir Ledicia Piñeiro. Convencido de que a formación olvidou as leas con outros actores das confluencias, Bruzos considera que hai marxe para volver romper o bipartidismo.

Como vai a volta á primeira liña política?

Eu en realidade nunca me fun, estiven aquí, igual non de forma tan visible pero é o normal nun espazo político coma este.

Candidato de En Marea, agora Galicia en Común. É fácil transmitir confianza así?

Estamos nunha fase nova, o espazo está perfectamente consolidado, entendo que estes cambios de nome poden despistar, ser confusos, pero o espazo está consolidado e o que queda é medrar, conseguindo melloras para a cidadanía. Pensamos que imos ter mellores resultados, o ideal sería rachar co bipartidismo.

En 2015 rachouse, pero todos unidos. Agora as enquisas non auguran sorpresas.

É difícil, máis nesta provincia. Con menos dun 15, 16% non podemos. Conseguímolo nunha época, quedámonos a 1.000 votos despois. En abril baixamos, pero temos a seguridade de que imos mellorar.

Ve paralelismo na repetición actual respecto á de 2016, pola desmobilización?

Cando Unidos Podemos saca 70 deputados en 2015, á xente poderosa revólveselle algo e teñen políticas e accións destinadas a destruír ese espazo político. Só nese momento Pedro Sánchez nos acepta como socio común, pero ata que gaña as primarias, logo vólvese desmarcar. Conseguimos que dean os números despois, pero o obxectivo segue sendo reducirnos á mínima expresión. Seguimos aguantando, temos unha base moi elevada.

No debate, Sánchez dedicouse a atacar a Iglesias. Pode así haber acordo?

Semella complicado ter unha posición conxunta, dúas non conseguen un acordo se unha non quere. Tivemos as portas abertas. Iso ten unha reflexión, se lle serviu decir que era o socio preferente, que realiza políticas de esquerda e iso convenceu á súa militancia para gañar contra todo o aparato, iso quere decir que o votante socialista sabe que as políticas que defendemos o representan. Seguiremos traballando en convencer os socialistas que non son de pegatina, senón que queren subir o salario mínimo, actualizar as pensións co IPC.

Hai proxecto para Galicia ou están subordinados a Madrid?

É algo do que se nos acusa, creo que é máis un mantra. Temos demostrado co contido das iniciativas como é a defensa de Galicia.

Pero parece que soan menos os problemas de Galicia, que temos menos altavoz.

Menos altavoz que quen, que cando?

Os vascos, cataláns, canarios.

Creo que non. É certo que o grupo vasco é máis amplo, nós teriamos que selo máis para que a defensa sexa máis visible, pero vai en proporción ós representantes. As compañeiras no Congreso levan loitado moitísimo, ningún reproche. Non se fala menos de Galicia.

Pódese facer política en beneficio de Ourense desde o Congreso?

Moitos dos temas que levamos falan especificamente de Ourense, como unha provincia tremendamente rica pero absolutamente empobrecida.

Ten futuro Ourense?

Moitísimo, pero non hai que mirar para outro lado, hai que sinalar as causas. Temos unha provincia tremendamente rica, recursos forestais, humanos e culturais e unha situación empobrecida. É fundamental unha proposta de creación de emprego, potenciar sectores e darlle volta á industria, falamos da industria dos coidados do medio e as persoas. Ademais, quen queira seguir vivindo no rural precisa unha vida digna, servizos como sanidade, educación, transporte e ata agora levamos recorrido o camiño inverso.  

Te puede interesar