Buciños, escultor “de afectos”, é fillo predilecto da provincia

A Deputación recoñece a un dos últimos “artistiñas”, que se confesou “moi emocionado”

A Manuel García Vázquez recoñéceno en todo o mundo como Manuel Buciños (Buciños, Carballedo, 1938). Adoptou o nome da súa aldea como artístico, pero sempre estivo moi vinculado a outro lugar, Ourense. Precisamente onte, a Deputación entregoulle o título de fillo adoptivo da provincia, un recoñecemento a un dos últimos “artistiñas” que Vicente Risco bautizara así pola súa xuventude, noutro tempo no que a cidade era nomeada a Atenas de Galicia polo fervor cultural. En primeira fila do salón de plenos da Deputación, que acolleu o acto, vían ao seu amigo emocionado Xosé Cid e Acisclo Manzano, os outros “artistiñas” que aínda viven daquela xeración. Buciños, moi emocionado durante todo o acto, botou de menos ás netas que estaban na escola e agradeceu aos presentes. “Estou bastante emocionado, isto é moi especial para min”. Deu as grazas aos seus amigos de A Ponte, á familia e a Deputación. “Gracias por non abandonar nunca aquela Atenas de Galicia”, dixo nun breve pero emotivo discurso.

A voluta do artista

Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, foi o encargado de facer a laudatio. Sánchez Ferro fixo un percorrido pola carreira dun dos escultores máis  homenaxeados da cultura galega, a pesar de que Buciños non sexa moi amigo de recoñecementos. “Na aldea de Buciños é onde nace a primeira voluta de ebanista, que o acompañaría toda a vida”, dixo Sánchez Ferro sobre os inicios do escultor.

Buciños comezou na escultura no taller de carpintería que tiña seu pai, con só 12 anos. “O seu destino era ser escultor”, engadiu o director do Arquivo, que destacou o “estilo inconfundible” e a “linguaxe innovadora” do artista, o “artistiña”.

A laudatio lembrou que Buciños é o escultor “das emocións e os afectos”, que tallou abrazos e despedidas que hoxe están espallados por numerosos lugares de Galicia e por fóra das nosas fronteiras en forma de escultura que comunica. “O late motiv da súa obra é a comunicación, Buciños achégase á xente coa escultura. É o seu xeito de estar no mundo”, rematou Sánchez Ferro, que desexou que a voluta do artista siga xirando. 

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, leu o expediente de honra que el mesmo instruiu e que motivou o recoñecemento de Manuel Buciños como fillo predilecto da provincia de Ourense. “As ferramentas do taller do seu pai foron o seu xoguete, que tanto influíu na súa traxectoria”, sinalou Fernández. Lembrou que o primeiro monumento público que colocou Manuel Buciños foi en Ourense: o simbólico afiador de Luíntra. O vicepresidente do goberno provincial definiu ao escultor como “un home silencioso e discreto”.

Modernidad

Manuel Baltar, presidente da Deputación, definiu ao homenaxeado como “un escultor dos máis sensibles, finos e destacados”, que segue a facer a súa obra “dende Ourense”. Baltar puxo en valor o “empeño” en “conseguir unha modernidade que moi poucos acadan”. Por último, lembrou que o novo fillo predilecto da provincia de Ourense, Manuel Buciños, é  “un dos grandes, bos e xenerosos”.

Sen fronteiras

O salón de plenos da Deputación de Ourense encheuse de familiares e amigos do homenaxeado, ademais de representantes da sociedade e a cultura galega. O gaiteiro Jonathan Ferreira foi o encargado de tocar o himno de Ourense, “Ourense no solpor”, para poñer o broche final ao emotivo acto.

“Cando saín da escola, quería facer arte provocadora. Pero cheguei a Ourense e coñecín a Ramón Otero Pedrayo. Comezoume a falar de Galicia e metinme nesa Galicia que deixara hai moito tempo. Escultura galega. Custoume, pero conseguino. As esculturas teñen que falar, con todo o mundo. Cos meus veciños. Sen fronteiras”, dicía en 2020 Buciños cando recolleu o Premio Trasalba.

Te puede interesar