Diarios do pasado

Burgas, volcáns e lendas

photo_camera Augas quentes e terapéuticas das Burgas.
Fontes termais como as Burgas non podían permanecer alleas a explicacións lendarias sobre a elevada temperatura das augas 

Unha erupción volcánica sempre é noticia. As forzas desatadas da natureza, sen deixar de ser espectáculos que ao mesmo tempo impresionan e estremecen, evidencian a nosa inmensa pequenez, unha estraña e inasumible idea de indefensión pese ao supostamente invencible intelecto. O magma incontrolado, os furacáns, terremotos, inundacións, ou o tsunami que afectou a central nuclear de Fukushima I en 2011, afástanse da nosa capacidade de evitalas, quedando só a posibilidade de previr e paliar os efectos. Vemos con inquietude a furia do volcán de Cumbre Vieja, na illa canaria de La Palma. E non podo evitar que emerxan na memoria episodios históricos de desolación de cidades na antiga Roma, Herculano e Pompeia, destruídas no ano 79 d. C. pola violenta erupción do Vesubio. En Pompeia escavou o arqueólogo Giuseppe Fiorelli en 1860. Seguramente as súas imaxes máis coñecidas son os moldes de xeso das vítimas da catástrofe, obtidos co baleirado dos corpos cubertos polas cinzas, tanto de persoas como de animais.

Afortunadamente a zona que habitamos non é área volcánica, polo que é pouco probable unha traxedia desas características. Cando menos dende o punto de vista científico. Aínda así, a través das redes sociais percibín -indirectamente, porque non participo delas- unha preocupación polo estado do subsolo na nosa cidade. Algo debe haber aí, dicían, para que teñamos tantas fontes con auga quente. Creo que a causa desa inquietude podémola buscar nas lendas. Efectivamente, unhas fontes termais como as Burgas, non podían permanecer alleas a explicacións lendarias sobre as súas dúas principais características, a elevada temperatura das augas -superiores aos 65º C- e as propiedades terapéuticas para certas afeccións.

Paralelamente das explicacións científicas, cargáronse de lendas populares tales como “as augas das Burgas curan porque nacen na Catedral, aos pés do Santo Cristo”. Ou esta outra, relacionada co que agora estamos a falar: “as augas quentes proceden dun volcán en repouso que está na base do Monte Alegre. Un día explotará, destruíndo a cidade de Ourense e ao Demo”. Pero os xeólogos din outra cousa. As fontes das Burgas fórmanse con auga de chuvia que se vai infiltrando por faias, fracturas do terreo, ata grandes profundidades, que sen dúbida superan con creces un quilómetro. No interior a auga quece, sobre todo, pola gradiente xeotérmica interna do planeta –a razón duns 25º ou 30º C por cada quilómetro que afondemos-, aínda que existen outros factores que, en menor medida, transmiten calor á auga, como a desintegración dos isótopos radioactivos do granito ou o calor latente xerado polas fracturas sísmicas recentes. Cando quece a auga nas profundidades, cárgase de enerxía producida pola diferencia de presión entre a superficie e a profundidade, pola expansión do vapor de auga e mesmo pola acción dos gases comprimidos no interior. Esa forza provoca o ascenso e licuación á superficie, ata que atopa unha saída. E cada unha desas saídas son as fontes que vostedes xa coñecen. O das propiedades terapéuticas é porque a auga mestúrase nas profundidades cos minerais das rochas, adquirindo así as cualidades mineromedicinais.

Como ven, non hai volcán no Monte Alegre que ameace a cidade. Pero esquecín contarlles outra lenda: “Quen lave as mans nas fontes das Burgas, casará antes dun ano con alguén de Ourense”. No sei se algún lector responde ao caso.

Te puede interesar