19º FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE oURENSE

“Cada ourensán ten a esmorga dentro, é o noso espazo común"

O director de cine Ignacio Vilar (XESúS FARIÑAS)
photo_camera O director de cine Ignacio Vilar (XESúS FARIÑAS)

Ignacio Vilar, director da película “A esmorga"

"A esmorga", sen dúbida unha das obras literarias máis universais do autor ourensán Eduardo Blanco Amor, xa está lista para ser estreada coma película mañá, inaugurando o Festival de Cine Internacional de Ourense. Pero antes, os ourensáns terán a oportunidade de falar cos actores e co director, Ignacio Vilar, no Foro que La Región organiza hoxe, a partir das 20,15 horas, no antigo Banco de España.

Como se viven as horas previas á estrea?
Con paciencia e con nervios.

Unha vez visto o montaxe final, cal foi a súa sensación?
É unha película que dende o seu comenzo ata hoxe, vexo que Eduardo Blanco Amor nos  debeu acompañar. Porque todo o que quería o logrei, ao 100 por 100.

Como xorde o proxecto?
É algo ao que sempre lle din voltas. Creo que  hai necesidade na xente de Galicia de ter espazos comúns  onde atoparnos todos, e os clásicos son os nosos espazos comúns e, polo tanto, "A esmorga" é un deles. Cando decidín meterme no proxecto era conscente de que se trataba dun reto moi grande para mín como profesional. É unha das grandes obras da literatura universal e que todos os galegos coñecen. Así que con moito respeto e tentando aplicar todo o que aprendín facendo cine, arranquei coa idea. Teño oficio e penso que foi un acerto tomar esa decisión. Ver na gran pantalla a eses grandes persoaxes que escribiu Blanco Amor e darlle corpo é unha das ledicias máis grandes. E máis cando ves que o resultado é impresionante con eses grandes actores: Karra Elejalde, Antonio Duran e Miguel de Lira

Ese carácter de obra universal, ¿complicou as cousas?
Si, foi moi difícil, pero Eduardo nos acompañou e penso que os que leron a novela e vexan a película, van ver que poden convivir perfectamente as dúas.

Como chegou ata os actores?
Despois de tres meses de traballo intenso, de probas e máis probas en Ourense con moitísimos actores.  Son tres personaxes pero é un, así que os actores ademáis de probas individuais tiñan que facer probas conxuntas, para ver como interrelacionaban. Foi unha das decisións máis difíciles, pero cando despois de moitas probas decidín, penso que acertei. Son grandes actores que lle dan uns matices enormes aos persoaxes.


Foi complicado atopar as localizacións?
Foi un proceso moi longo, catro meses. A obra está situada nos anos 50, e foi complicado porque hai moito cable e moito edificio novo. Pero neses catro meses coñecín un Ourense novo, impresionante, que na gran pantalla tamén é un gran acerto. Eran fundamentais as localizacións para que a historia emocionase. Moitos descubrirán un Ourense que non coñecen.

Falou con xente que coñecera a Blanco Amor?
Si, con cantidade de expertos, nos axudaron moitos amigos que aínda viven. Un dos praceres máis grandes foi cando Luis González Tosar, ao ver a película, me dixo:"Ignacio, estaría Eduardo orgulloso deste traballo". E iso chegoume.

Pechamos os ollos, xa foi a estrea, que lle gustaría que dixera o público?
Que saíra emocionado. Para mín o cine non é un entreteñemento, é unha experiencia vital. Creo que a película, con esa obra tan grande detrás, é unha experiencia para cada espectador, que emociona. É moi dura, pero leva algo de todos nós. Os clásicos é o que teñen. "A esmorga" é un espello de cada un de nós, de cada galego e galega, creo que ese espello eu logrei que o sentiran. Todos os ourensáns coñecen "A esmorga", ese espazo común e cada ourensán ten a esmorga dentro.

Te puede interesar