Universidade

O Campus busca mentores para os futuros empresarios

Monitores e mentores de "Meta", nunha das conversas celebradas na facultade.
photo_camera Monitores e mentores de "Meta", nunha das conversas celebradas na facultade.
Empresariais e Turismo celebran o éxito do programa "Meta", no que participan sete alumnos

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense presenta un programa de mentores, tralo éxito obtido cunha experiencia piloto o pasado curso. "Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense é o proceso de aprendizaxe persoal no que un mentor (directivo) comparte o seu tempo e coñecementos para que un mentorizado (estudante) descubra novas perspectivas que lle axuden a progresar cara as súas metas futuras", explican dende o centro. A iniciativa xa deu os seus froitos, con recoñecementos para os participantes e coa programación de diversas charlas. Agora están en fase de captación de patrocinadores para ampliar as actividades.

Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destaca de Meta que "favorece a relación entre a universidade e o mundo empresarial, tanto durante a etapa que o alumnado está cursando os seus estudos como unha vez finalizados". Ernesto López-Valeiras, profesor do centro, é o coordinador do proxecto, composto por un grupo de mentores, directivos da contorna empresarial implicados no programa a título persoal. 

A iniciativa consiste en que durante os dous últimos cursos da carreira, as e os estudantes seleccionados que forman parte deste programa participan nunha serie de actividades en grupo, como xornadas ou presentacións, e actividades individuais cun mentor ou mentora nas que reciben consellos e axuda ou poden resolver dúbidas. O proxecto naceu o pasado curso da inquedanza dun grupo de profesionais da contorna, e do que el mesmo formaba parte, "disposto a contribuír a unha mellora da sociedade achegando a súa experiencia", di.

“A experiencia é inesquecible"

Actualmente participan no programa sete estudantes da facultade que foron seleccionados nunha convocatoria aberta polo centro e na que se valorou fundamentalmente a súa motivación. En función do seu perfil e das súas inquedanzas e intereses, a cada un destes estudantes se lle adxudicou un mentor ou mentora afín por un período de dous anos. Tres dos estudantes foron os que arrancaron a experiencia  piloto o pasado curso académico, estando este ano no seu segundo e último ano de mentorización, e catro incorporáronse este curso.

 Entre as e os participantes en Meta, que conta co apoio de Ecobas, está o alumno Manuel Ramos, que destaca unha "experiencia inesquecible" que recomenda xa que lle permitiu achegarse ao mundo profesional "estando moi seguro de min mesmo". Subliña que o seu mentor "foi moi próximo e comunicativo". 

O enxeñeiro industrial Carlos Rivo é un dos mentores, que apunta que "Meta completa o meu desexo de contribuír a un mellor Ourense coa axuda e escoitas activas do mentorizado, aprendendo durante o proceso a andar por un camiño de coñecementos". 

"Os mentores son xente próxima, atenta e cunha enorme experiencia nos seus diversos sectores,  á que o alumnado pode recorrer para, por exemplo, recibir consello respecto a como enfocar o paso da vida académica á profesional", explica López-Valeiras. 

"Ao alumnado ofréceselle a oportunidade de ter contacto coa realidade da empresa, poder coñecer de primeira man a unha persoa con responsabilidades de xestión e aprender dela", valoran dende a organización, ademais da "oportunidade" para os universitarios de contar cunha rede de contactos no mundo empresarial de cara ao seu futuro laboral.

Primeiros resultados

Entre as actividades dos mentores está animar ao alumnado a presentarse a convocatorias e iniciativas. Froito deste traballo, os tres estudantes que participaron na experiencia piloto de Meta o pasado curso (Laura Álvarez, Manuel Ramos e Marcos Vázquez) veñen de obter, co apoio do programa, unha bolsa na 28ª edición do Programa Internacional de Becas AECA para Estudantes Universitarios de Administración de Empresas. Os seleccionados van a recibir toda a documentación e información emitidas pola asociación como se fosen un membro máis dela, beneficiándose ademais de determinados servizos complementarios.

Ademais, este este curso académico Meta puxo en marcha un ciclo de conferencias baixo o título "Conversas". Nel, persoas do ámbito académico comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais, abordando con carácter divulgativo temas de interese xeral relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. O chef Pepe Solla, o comunicador Luis Fraga e o emprendedor Hassan Ahmed foron algúns dos protagonistas. "Estamos moi contentos co programa. A experiencia piloto do pasado ano saíu ben e a facultade deulle o seu apoio, ampliando este curso as actividades e o número tanto de mentores como de mentorizados", di o coordinador. 

Te puede interesar