Canal novela a historia da maquis que non quería selo

Alberto Canal, autor de “Carolina”.
photo_camera Alberto Canal, autor de “Carolina”.
Un libreiro ourensán recentemente falecido e dúas octoxenarias influíron neste relato de memoria histórica

Alberto Canal (Casal de Maus-Ourense, 1967) acaba de publicar unha novela. “Carolina” (editorial Xerais) é a historia dunha maquis que non quería selo. Dous feitos marcaron a motivación deste relato. “A primeira foi ter coñecido a historia de Carlos Vázquez, fundador da libraria Tanco de Ourense, que forneceu de libros prohibidos polo franquismo a moitos libreiros de Galicia a través do distribuidor catalán Rufino Torres. Con eles tamén trasfegaba no seu ‘inferniño’, a trastenda dunha libraría que por eses anos estaba ubicada na actual rúa do Paseo”, apunta o autor.

A segunda influencia foi unha muller. “Hai 20 anos coñecín a unha anciá ourensá que traballara como enxeneira para os nazis nas minas de Vilardevós, que me inspirou o personaxe de Rosalía Mera, que é quen conta a historia de quen, a principios dos coarenta, foi a súa mordoma: Carolina Ernau”, explica o escritor ourensán.

Aínda máis recentemente, Canal foi testemuña dun feito que lle provocou gran conmoción e o devolveu á novela. Coñeceu de xeito imprevisto a unhas irmás octoxenarias que viaxaron por primeira vez na súa vida a Maceda para saber da casa onde nacera o seu pai, Modesto Álvarez, irmán do veterinario Benigno Álvarez, fundador de Partido Comunista en Ourense e rematado nunha leira próxima á vila despois de falecer por unha enfermidade contraída durante a súa vida de fuxitivo na Serra de San Mamede, lugar no que tamén andivo fuxida o persoxane Carolina Ernau. “Foi fusilado en Madrid cando unha delas, Josefa, tiña 2 anos e a súa irmá Felisa aínda estaba no ventre da súa nai. Ninguén as compensou económicamente por ambas perdas, a do pai e a da vivenda familiar. Neste caso a recuperación da memoria reduciuse única e exclusivamente ao aspecto sentimental e ao seu devezo por coñecer o pasado dos seus devanceiros xa cara ao final das súas vidas, como elas mesmas me comentaron. Entón pensei se acaso os seus fillos e os seus netos non tiñan dereito a gozar desas posesións, adxudicadas daquela a algún veciño adepto do Réxime que por tal motivo se puido facer fácilmente coas escrituras de propiedade”, conta Canal.

“Carolina”, xa nas librerías, fala de libros e de memoria histórica. “Non é suficiente coa apertura das fosas comúns ou o cambio dos nomes das rúas, é necesario unha compensación que palie este tipo de perda, malia que teñan pasado case cen anos e algúns crean que o millor é olvidar e facer conta nova”, di Canal.

Te puede interesar