cine

Cannes ollará a Galicia do cineasta Oliver Laxe

oliver laxe
photo_camera Oliver Laxe, durante a entrega do premio Cidade de Ourense no OUFF (JOSÉ PAZ).

Compite con "O que arde" no festival: "A pegada de Ourense está na peli"

Cannes está de noraboa. "Por fin unha peli en galego, que se fale en galego en Cannes. Estou moi contento", di o cineasta Oliver Laxe (París, 1982). Para este fillo de emigrantes galegos é a terceira vez no festival. Confesa que a "euforia xa non é a mesma", pero esta ocasión ten moito de especial. Competirá coa súa terceira longametraxe, "O que arde"–coa versión orixinal en galego-, na sección oficial "Un certain regard" (Unha certa mirada), a segunda máis importante da competición. "Estou moi contento porque é unha sección de moito máis difícil acceso. Xa estamos rodeados de grandes nomes e intimida, pero sentímonos moi seguros do traballo co que imos. Temos a seguridade de que vai gustar. Xa o sentimos como un premio", conta Laxe. "Presentáronse 40 películas e unha é galega. Temos que estar orgullosos, demóstrase unha vez máis que non son as pelis de máis orzamento as que chegan máis lonxe. Cando se fan con traballo e sacrificio, sempre hai un resultado".


Premio cidade de Ourense


A historia principal de "O que arde" sucede en Os Ancares, pero a provincia de Ourense ten moito que dicir no filme. Tamén Laxe, que en 2016 foi recoñecido polo Festival de Cine Internacional de Ourense co premio "Cidade de Ourense" á súa traxectoria. No OUFF tamén presentou as primeiras imaxes deste proxecto que, se continúa o percorrido dos anteriores en Cannes, acaba en premio.


Na pel dos brigadistas


Os brigadistas de Ourense son unha parte fundamental desta película. Con eles pasou 15 días o cineasta, nun dos veráns máis crus para os montes galegos. Xornadas onde o traballo non acaba e un día solápase ao outro. Sucesos como o lume en Monterrei que arrasou 300 hectáreas en 2017 forman parte do proceso creativo de Oliver Laxe. "É un traballo máis maduro, un conto do rural galego no que dalgunha maneira se evoca ese desleixo a través dunha parella, a través dunha nai e dun fillo que coidan un do outro. Como se queren e como resisten os dous nunha aldea perdida de Os Ancares", explica o autor. Acórdase dos brigadistas.

"Quero agradecer a todos os traballadores do distrito de Ourense, que nos axudaron e tiveron a paciencia de acompañarnos e de soportarnos para facer esta peíicula. É moito mérito deles. Aínda que a película transcorre case íntegramente en Lugo, a pegada de Ourense espero que tamén esté na peli", di.


O rural que esmorece


A reflexión é do despoboamento que arrasa a Galicia rural. Os Ancares ten un papel crucial na vida de Laxe, que rodou por primeira vez en Galicia con "O que arde". Nunha entrevista anterior confesaba que o seu recordo de infancia era a imaxe da súa chegada a Os Ancares. Viña de París, onde vivía cómodamente. Tiña seis anos e na Galicia rural recibiuno o seu avó, que cargou unha burra coas maletas. Fixo seis kilómetros para chegar á casa. "Ese momento chegoume á alma. Ver os valores da miña familia, a súa humildade, a súa aceptación, abnegación e agradecemento. Eses valores marcáronme profundamente. Os Ancares penetráronme a alma", dixo, cando recolleu o premio Cidade de Ourense no OUFF.

É a terceira vez que participa en Cannes, pero é a terceira película que fai. Este cineasta ten recoñecemento internacional e unha carreira imparable. "Todos vós sodes capitáns" levou o Premio de la Crítica Internacional en 2010 e "Mimosas",o da Semana de la Crítica en 2016. "O que arde" verase en maio en Cannes, un festival que escoitará falar en galego. O logro e o orgullo de Oliver Laxe. 

Te puede interesar