entrevista - vida

A cantería como forma de vida

laura rodriguez
photo_camera Laura Rodríguez.
Laura Rodríguez Miranda leva preto de catro décadas ligada á pedra. Dende que en 1981 entrara na escola de canteiros de Poio, a súa vida quedou marcada en pedra e sobre ela segue traballando

Aínda que naceu en Campo Lameiro, a vida de Laura Rodríguez está ligada ó Carballiño, onde se asentou hai xa 30 anos. Daquela, a canteiría xa formaba parte da súa esencia. Hoxe continúa desenvolvendo a súa propia obra mentres contribúe á restauración da Catedral de Santiago.

De onde ven a súa relación coa canteiría?

No ano 1981 entrei na escola de canteiros de Poio, fixen cinco anos de mestra canteira ata 1985. De aí vén. Empecei porque coñecía a unha persoa que daba clases alí e animoume a entrar. En principio empezou a miña parella e despois empecei eu. Xa quedei e para sempre, claro.

laura rodriguez

Estamos nunha época na que se fala moito do papel das mulleres en determinados sectores profesionais. Como está este tema no mundo da canteiría?

Xa cando eu empecei, eramos algunhas mulleres. Dúas rapazas máis e eu fomos das primeiras pero despois xa foi entrando máis xente. Que continuaran no traballo, xa hai menos por diversas circunstancias pero si que hai mulleres traballando por aí. 

Da escola de canteiros si que saiu xente e tamén dalgún obradoiro. O problema que hai agora é que volvemos ter escasez de xente, non sei por que. Cando foi da crise houbo moita xente que cambiou de traballo ou abandonou. Pero agora hai unha crise nos oficios en xeral, non hai man de obra, non hai xente especializada. Pasa na canteiría pero tamén na carpintería, na alfarería... Hai moitos sectores que se queixan de que non encontran xente especializada nos oficios hoxe en día. Quizais tamén hai menos xente, en xeral. Pode ser tamén un tema xeracional.

Como ten ido evolucionando o oficio neste anos?

Ó principio traballabamos moito a man. Hoxe en día tamén se traballa a man pero con moita máis ferramenta mecánica que axudan a ser máis competitivo, a ir máis rápido. Os sólidos capaces xa os tras cortados nunha serra... Se queres facer un capitel, por exemplo, antes tiñas que facer un cadrado e de aí sacar o capitel. Agora, xa o tras cortado para acelerar o proceso. Senón saería moi caro. Antes había moita xente traballando, moita man de obra. Pero hoxe, coa maquinaria, abarátase e adiántase moito en tempo. Pero martelos neumáticos xa se empregaban daquela. Aínda que segues sendo ti o que ten que dirixilo porque aínda que sexa unha máquina, non deixa de ser manual e hai que manexalo. Non fai sola o traballo, non é unha impresora en 3D, que tamén as hai, pero eses procesos chegarán máis tarde porque son moi caros aínda.

En que consiste o traballo que desenvolve na catedral de Santiago?

Traballo nunha empresa encargada de restaurar, facer pezas que hai que sustituír, que hai que coser... tamén facemos a limpeza ou os morteiros. Na catedral fíxose unha cúpula nova, unha linterna, un rosetón, algún capitel... Traballamos todo o que ten que ver coa pedra. Estamos con toda a restauración, dende que empezou e agora queren tela lista para o ano Xacobeo. Nós estivemos no exterior, que xa se rematou practicamente, queda algo nos tellados. Pero agora sobre todo estamos en toda a parte interior. Tamén temos estado noutros sitios, como a Catedral de Ourense ou Tui.

Sobre todo facemos restauracións de patrimonio.

Cales son as principais características dun traballo de restauración?

Hai que traballar baixo a dirección da oficina técnica ou de Patrimonio, que ás veces vén supervisar os traballos. Ás veces hai que refacer cousas que xa están feitas ou labores de limpeza, arranxar pedras que están danadas ou incluso sustituír algunhas que corren algún risco. Sempre se trata de respectar o que hai ó máximo pero ás veces se ten risco de rotura ou derrubo hai que facer unha sustitución ou reforzala.

"Ó principio deixabame guiar un pouco pola pedra. Agora planeo máis como facer as miñas esculturas"

É moi diferente do traballo de escultura?

É unha cousa máis túa, máis creativa. Eu fago cousas propias e despois teño outra parte de encargos. Téñoas na casa, ás veces tamén as expoño e despois tamén hai xente á que lle gusta e cómpraas.

laura rodriguez

Como é o seu método de traballo? Visualiza a peza antes de facela ou vai deixándose levar pola pedra?

Ó principio si que me deixaba guiar un pouco pola pedra. Agora planeo máis como facela. Ás veces fago debuxos previos, pequenos bocetos, e co tempo lévoos á pedra ou incluso a outro material. Fixen algunha escultura en bronce pero deixei de facela polo traballo que teño agora, por falta de tempo.

Como definiría a súa escultura?

Teño feito algunhas cousas máis abstractas pero sobre todo, o meu é a figuración, son obras figurativas. Adoito facer moitas mulleres, non son obras exactamente clásicas. Ás veces tamén uso policromía na pedra, xa hai tempo que empecei a facela, aínda que agora fago menos. Aquí na catedral é todo policromado. Eran técnicas máis complexas que as que eu fago.

Te puede interesar