Arte et alia

O carballo das apertas de Padroso, máis cunha estrela de Nadal

A fonte que veu de Oseira baixo do envoltorio de luces de Nadal.
photo_camera A fonte que veu de Oseira baixo do envoltorio de luces de Nadal.

Fai uns anos Bieito Ledo fixo un xantar de amizade cheo da regalía do tempo compartido arredor da súa mesa, entre viandas e acaídas conversas de cultura e arte. E alí, na súa casa en Padroso da Abeleda, trala sobremesa, suxeriu achegarmos até o carballo... Puxémonos a andar coa calma debida polo camiño que é Camiño dos peregrinos a Santiago, e pasa diante da súa casa entre Bobadela e Xunqueira de Ambía, para meternos noutro máis estreito, até deternos cabe dun estanque lavadoiro e bebedoiro que medrou diante dunha fonte de mina que fala da carballeira. Alí albisquei a feiticeira calma e o encanto do lugar entre a intimidade das palabras baixo da sombra das follas das árbores e a luz do sol movéndose cara a hora baixa. Todos admiramos o seu rexo porte e algúns achegámonos ao gran carballo. A memoria e algunha foto que nos fixemos no entorno dan fe delo. 

Na véspera do pasado Santiago houbo ao seu carón outra xuntanza con festiva música e graves palabras de sentimento e poesía co gallo de darlle relevancia a esta gran árbore do Camiño, que para rodeala hai que xuntarse catro. Un letreiro en madeira invita a abrazalo, tallado por Luís Suárez dende o deseño de Antón Pulido e acaída caligrafía e cores. Así dende esta acción poética quérese compartir a natureza senlleira de san Vicente de Abeleda como referente de sentido da peregrinación que acompaña ao do camiño como metáfora da vida e sentirmos parte da historia. A recuperación das peregrinacións a pé a Santiago dende mediados da década dos anos oitenta, está a coincidir co proceso de secularización da sociedade compartindo valores do turismo e o tempo de lecer cos motivos piadosos. Na actualidade únense ámbalas nestas dúas formas de mobilidade e danlle á peregrinación xacobea do camiñar e a hospitalidade unha re significación de máis amplo senso dende o cultural, o relixioso e o espiritual. O ritual secular da aperta dálle un novo sentido consonte coa paisaxe senlleira, aportándolle unha vivencia de contacto de connotacións vivas, que anticipa por transferencia a que lle damos á estatua medieval de pedra do Apóstolo na basílica compostelá. Eis así moito máis que unha afortunada iniciativa de Bieito Ledo Cabido nada como froito maduro no pasado Ano Santo.

Unha luminaria sobre a fonte da Alameda 

Entre Nadal e Reises decorre un tempo de festividades litúrxicas ancoradas na historia arredor do solsticio de inverno, días máis curtos de luz, que adoitan ser fríos e chuviosos, cando non de neve, nestas latitudes de Europa. O Deus que nace como un neno ao que poñen por nome Enmanuel (deus connosco) é luz na escuridade simbolicamente. De onde o costume cristián da morea de instalacións luminosas privadas e as rechamantes dalgunhas institucións. Desta volta, instalouse en Ourense un xigantesco cono luminoso sobre a histórica fonte do Barroco que centrou un patio do mosteiro cisterciense de Oseira até o século XIX, e leva décadas na praza bispo Cesáreo. O arriscado do acerto da icona coroada dunha estrela é reveladora da acción pública. Fronte á ocultación da monumental arbore da fonte o visibilizador destaque do gran carballo. O que vai do efémero á vida.

Te puede interesar