centenario da ponte nova

"O Carrabouxo é tan vello! retratou o AVE, as termas, a autovía... e a Ponte Nova tamén"

img_2022s
photo_camera Xosé Lois, ca lámina que regala mañá La Región.

Xosé Lois González non recorda cantas veces colocou ao Carrabouxo na Ponte Nova. O que é seguro é que, coma en tódolos acontecementos de importancia en Ourense, o personaxe máis ourensán de todos non podía faltar ás visións artísticas da obra centenaria

Xosé Lois González non recorda cantas veces colocou ao Carrabouxo na Ponte Nova. O que é seguro é que, coma en tódolos acontecementos de importancia en Ourense, o personaxe máis ourensán de todos, que protagoniza diariamente a súa tira cómica en La Región, non podía faltar ás visións artísticas da obra centenaria. Os lectores poderán conseguir gratis, co periódico de mañá, esta lámina que forma parte dunha colección de once creacións de artistas locais, no marco do programa conmemorativo de La Región para a festa dos 100 anos da obra de enxeñaría que trouxo o progreso á cidade. E precisamente, sobre progreso, debuxa o Carrabouxo.

Que conta O Carrabouxo na súa lámina?

É un xogo de palabras que vai entender a xente de Ourense. O Carrabouxo, coma sempre, dalle a volta por completo ao sentido da frase. O Progreso para nós arranca na Ponte Romana, para os historiadores na Ponte Nova. Dende logo, a obra que cumpre cen anos foi un fito importantísimo. A súa inauguración está metida nun anaco da nosa historia que é a reafirmación nacional de Galicia. Acabábanse de crear as Irmandades da Fala había dous anos e a revista Nós naceu dous anos despois. Tamén quixen resaltar a figura de Curros Enríquez, heroe nacional galego que morrera en 1908. Foi un entusiasta relator da chegada do tren a Ourense.

Da Ponte Nova non lle deu tempo a escribir a Curros...

Non. E por iso é bastante complexa a viñeta. É un xogo de palabras para os íntimos que admite varias lecturas. Non é unha chorrada.

A Ponte Nova inspirou aos artistas?

Si. Eu creo que foi un fito máis transcendente que o Novísimo ou o Milenio. Aquelo foi a tradición do ferro, que estaba en auxe en toda Europa.

O que se di de que a cidade pasou ao modernismo coa construción centenaria, compárteo?

Hai un certo mito do que é o progreso de Ourense. Aínda que temos unha rúa Progreso e temos moitas cousas que producen progreso, algúns cremos que aínda non veu de todo e seguímolo reivindicando. Gústanos moito presumir de que temos cousas e que se está creando riqueza, pero eu non a vexo por ningunha parte. Levan creándoa fai 30 ou 40 anos pero penso que aínda estamos na cola. 

Estará debaixo do Miño?

Estará. Agora que a ponte foi un fito importantísimo.

O Carrabouxo ten máis viñetas da Ponte Nova?

Hai unha asomado na Ponte Nova mirando ao viaducto, cando se celebraban os 100 anos do tren en Galicia. "E aínda hai quen se queixa de que pidamos un novo", dicía o Carrabouxo.

Que acontecementos máis importantes de Ourense retratou o Carrabouxo?

Todo o relacionado co AVE, que aínda non chegou de todo... As autovías, os accesos, as termas... É  que o Carrabouxo é tan vello! Temos que celebrar os 35 anos, que os cumpriu en novembro.

E non lle fixo ningunha festa?

Un recordo, pero a ver se publicamos un libro recopilatorio coma outros.

Canto tempo bota facendo as viñetas diarias?

Máis dunha hora sempre, unha vez xurde a idea o Carrabouxo faise enseguida.

Estamos sentados ao lado do Carrabouxo...Está todo pintado. Non lle da rabia? Non llo comenta a ninguén?

Co alcalde cada vez que o vexo, e dígollo todo cabreado. É un desleixo. Sabes o que penso? Que coma leva aí o periódico é un bo sitio para facer pintadas, pero non. Non me parece. Non é para iso. Grazas a queixarme eu e xente do público, protestouse oficialmente e agora hai un convenio que parece que as terrazas teñen que gardar unha certa distancia. Un paraugas dáballe no cogote e outro na nariz!

Non fixo viñeta diso?

De cando o tiraran os gamberros. Dúas veces. Unha vez o Concello recolleuno e levouno e so lle quedaran aí os pés. Despois o escultor, César Lombera, meteulle uns aceiros por dentro que non hai cristo que o tire. Este muñeco ten a súa historia.

Personaxe ourensán onde os haxa.

Hai xente que di que si. Hai xente que o quere utilizar de imaxe, de feito vai anunciar unha cervexa ecolóxica. En galego, por suposto. É a condición que esixo sempre, nadie me quita do galego. 

Unha vez utilizaron ao Carrabouxo para ilustrar o carnaval de Estremadura, coa excusa de quera unha "homenaxe ao personaxe". Tenlle pasado máis veces algo así?

Si, pero non tan lonxe. Foron cousas tan perralleiras que non valía a pena queixarse. Ao de Badaxoz mándeilles unha carta ao Concello dicíndolle ao que se expoñían, aconsellado polo Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, da que formo parte. Pedín que anularan o concurso ilegal e lle deran o premio ao segundo competidor, pero non me contestaron. A verdade é que non me quixen meter máis. 

Te puede interesar