Ourense

Carta a Sánchez: Hai que romper a espiral de pobreza

Ourense

Ourense

Carta a Sánchez: Hai que romper a espiral de pobreza

Ourense 17/4/20
Reportaje de reparto de alimentos en domicilios por la cruz roja

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Unha voluntaria da Cruz Vermella ourensá. (Foto: Martiño Pinal)
O coronavirus colocounos nun escenario de incertidume e de temor ante a enfermidade

A pandemia do coronavirus está sendo unha crise sanitaria e social global que sen dúbida vai cambiar a nosa forma de vida. Haberá un antes e un despois para milleiros de persoas que ata o de agora vivían estables e sen medo ao futuro.

Está claro que o virus colocounos nun escenario de incertidume e de temor ante a enfermidade. Pero unha vez superada a vertente sanitaria, esta crise deixa una paisaxe na que organizacións sociais como a nosa teñen que poñer o foco nas persoas en situación máis vulnerable. 

A moitas delas xa as estabamos acompañando dende antes, por situacións de traballo precario, escasos recursos e falta de rede de apoio. Pero noutros casos serán persoas que por primeira vez precisan axuda, xa que dende o minuto cero o coronavirus levou por diante o emprego que sustentaba a cobertura de necesidades básicas das súas familias.

Os datos socio-demográficos de Ourense non son precisamente alentadores, xa que o risco de pobreza sitúase entre o 18 e o 23% nos últimos anos, e o 42% dos ingresos da provincia proceden de algún tipo de prestación social. A isto hai que sumar un rural envellecido con pensións baixas, e unha porcentaxe importante de persoas que chegaron nos últimos anos, especialmente de Venezuela, que están en situación irregular ou non poden homologar os seus estudos. O habitual traballo en rede de entidades e servizos sociais fai que estas familias se manteñan no seu día a día cunha economía de supervivencia.

Dende o inicio desta crise puxemos en marcha a nivel nacional o Plan Cruz Vermella Responde para atender a persoas vulnerables frente ao COVID-19 e á poboación xeral. Trátase dun completo plan de actuación que pretende non deixar a ninguén atrás, sendo a cobertura de necesidades básicas, axudas para alimentos, produtos de hixiene e medicamentos, algunas das intervencións máis importantes.

Pretendemos tamén que ningunha persoa maior se sinta soa ou abandonada nesta situación de estrés que inevitablemente conleva o confinamento. Fai falta un compromiso serio e perdurable no tempo para atender as demandas básicas da poboación así como a súa saúde física e mental.

Especial mención merecen os nenos e nenas, que están sendo un exemplo a seguir durante estes días de reclusión no seus fogares. No noso caso traballamos durante todo o ano para a protección dos dereitos e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas que participan en diferentes proxectos, co obxectivo de romper a espiral de pobreza na que en moitas ocasións se atopan as súas familias. Agora mesmo, nun momento de hiperconectividade virtual, a súa desconexión por carencia de recursos é aínda máis patente, polo que debemos protexer o seu futuro dotándoos das ferramentas precisas para que non teñan aínda máis dificultades cando se reincorporen á vida escolar, favorecendo así a súa inclusión na comunidade.

É certo que o voluntariado, motor de Cruz Vermella, está dando o mellor de sí mesmo nestas últimas semanas. E teñen sido moitas as persoas que se achegaron a incorporarse como voluntarias para axudar, coñecedoras das difíciles situacións que lamentablemente cada día chegan á nosa institución. Demandas que podemos atender grazas á sensibilidade e aportacións de persoas socias, empresas colaboradoras, donantes e administracións públicas das que somos auxiliares.  

Estamos vivindo una emerxencia, e a atención sanitaria en emerxencias está no noso ADN. Dende Cruz Vermella queremos tamén sumarnos ao aplauso diario pola inmensa labor que está realizando o persoal sanitario do noso país, exemplo de entrega e traballo incansable. Igualmente trasladamos o noso profundo pesar ás familias que perderon aos seus seres queridos nunha situación inimaxinable ata hai ben pouco.

Mais a previsión é que esta situación vai continuar por un tempo indeterminado, polo que como organización humanitaria non podemos máis que investir todo o noso esforzo en axudar a todas as persoas que nos precisen. A porta da Cruz Vermella está sempre aberta a todas as persoas que precisan apoio de calquera tipo, esa é nosa misión. Xuntos, sumando forzas, sairemos adiante.