urbanismo

Cartelle, Padrenda, San Xoan de Río e Porqueira terán plan urbanístico

Encarnación Rivas, segunda pola esquerda, explicou onte a iniciativa dos Plans Básicos Municipais.
photo_camera Encarnación Rivas, segunda pola esquerda, explicou onte a iniciativa dos Plans Básicos Municipais.

A Xunta firma os contratos para redactar os documentos de planeamento

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de pechar o contrato polo que se redactarán oito Plans Básicos Municipais dos concellos de Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, na provincia de Ourense, pero tamén os de Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada e Triacastela en Lugo. A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, presidiu onte unha reunión entre representantes das administracións locais e os equipos redactores, co fin de coordinar os traballos de redacción desta figura que xa recolle a Lei do solo.

Explicou que se trata "dunha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral", segundo sinala a consellería nunha nota de prensa.

Encarnación Rivas sinalou que estes concellos- xunto co do Páramo- "serán os primeiros municipios en contar con este instrumento de planeamento, pois as empresas dispoñen dun prazo de dez meses para redactar ditos plans básicos municipais, que se basearán no traballo piloto que leva a cabo a Consellería para a tramitación do PBM do Páramo".  

O Plan Básico Municipal dotará aos concellos galegos (de menos de 5.000 habitantes) dun instrumento urbanístico básico "que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano", segundo a Xunta. 

Rivas Díaz engadiu que o PBM dotará a ditos concellos dunha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

A directora xeral explicou que en Galicia hai 49 municipios que poderían beneficiarse dos Plans Básicos Municipais, pero un ducia dos mesmos teñen a redacción do seu plan xeral moi avanzada, polo que se considera coherente continuar coa mesma. 

En definitiva son 37 concellos galegos susceptibles de dotarse dun PBM, "polo que a Consellería licitou os traballos para a redacción dos primeiros nove concellos; mentres que os 28 restantes quedarán para unha segunda fase". 

Te puede interesar