PAZOS OURENSÁNS

Casona do Burgo, en Palmés

Casona do Burgo.
photo_camera Casona do Burgo.
No pequeno núcleo rural de o burgo e datada entre os anos 1906 e 1920 atopamos unha interesante mostra do patrimonio artístico ourensán

A arquitectura popular defínese como toda intervención feita polo home sobre o medio natural co obxecto de modificalo para que, tendo en conta as súas demandas de carácter funcional, socioeconómico e cultural, logre unhas mellores condicións para o desenrolo da vida humana. 

En Galicia existen tres modelos construtivos arquitectónicos xenuínos; dous de carácter culto, o considerado como casa grande mailo pazo, é a máis modesta e abondosa, a casa vivenda - tradicional agraria. No primeiro caso, a diferenza entre as dúas primeiras maila última, caracterízase por unha maior dimensión construtiva adaptada ás faenas relacionadas ca agricultura mailo gando; a segunda, de tipo señorial, aporta unha maior riqueza construtiva ademais dunha mais ampla superficie edificable en correspondencia ca maior economía e desafogo da  riqueza do seu propietario.

No pequeno núcleo rural de O Burgo, pertencente á parroquia de San Mamede de Palmés, a carón da estrada provincial OU-0521, tivo o seu asento a primitiva casa parroquial, datada entre os anos 1906 e 1920.No seu solar aproveitando os vellos sillares, algúns deles románicos, ergueuse o actual pazo, tamén coñecido por pazo do avogado. Componse de dous volumes independentes aínda que comunicados; a antiga casa do caseiro mailo propio pazo comunícanse mediante un patio interior do que parte unha escaleira exterior de pedra rematada nun patín que da acceso á casa dos caseiros. Dúas son as alturas sendo ambas edificacións de planta rectangular. O acceso dende o exterior é a través dun gran portón decorado cun arco de medio punto. O cerramento do edificio corre a cargo dun groso muro formado por bloques de perpiaño en granito e cachotería na fachada, unidos mediante cal. Dous son os accesos principais ás sólidas construcións, o anteriormente citado, formada polo arco de medio punto e o outro, de traza moi sinxela, sen lintel. Os muros constituíntes de ambos edificios o forman sillares de granito sendo a cubrición dos mesmos, incluída o da solaina pechada, orientada cara o sur, de catro augas, con extructura de madeira cuberta de tella. Dúas son as chemineas que dan saída o fume cara o exterior de ambas vivendas pertencendo a maior á lareira interior en pedra. 

A zona situada cara ó sur conta cun amplo bosque, uns 5.000 m, que atesoura bos exemplares de cedros, piñeiros castiñeiros castaños e algún outro carballo. Resulta interesante a eira de pedra rectangular, maila palleira acompañada dun bonito hórreo ou cabaceiro, datado no ano 1867, segundo se reflicte a inscrición situada no tímpano do frontal. O conforman tres claros, pares de columnas, penais e costais de madeira, todo sostido por columnas de granito e cuberto a dúas augas, con sobrepenas en escaleira igualmente formada por sillares de granito. A grande edificación resalta polo seu valor tipolóxico neste tipo de obra resaltada sobre todo polo presenza do patio interior que comunica ámbolos dous volumes construtivos principais.  

Te puede interesar