Fiestas

A castaña protagoniza o outono en Parada de Sil

O día 26 deste mes terá lugar o magosto en colaboración coa Asociación Cultural Ouro do Sil

O Concello de Parada de Sil  deu a coñecer a súa programación de outono. O día 26 deste mes terá lugar o magosto en colaboración coa Asociación Cultural Ouro do Sil, e rematará o 23 de novembro coa V Maratón Fotográfica.

O día 2 de novembro terá lugar a oitava edición das Xornadas Micolóxicas, mentras que o día 9 celebrarase a XIII edición da Andaina da Castaña e a Andaina para cativos que ten un percorrido etnográfico e será guiada por unha profesora de Parada.

Despois da Andaina celebrarase o Magosto máis antigo e tradicional do Concello, concretamente  en Sacardebois, que o ano pasado por distintas  razón non se podo celebrar. Outra actividade será a VIII edición da Festa da Pisa da Castaña, o día 16 de novembro, que empeza cunha recreación desta actividade, procedemento polo que se converte a castaña verde en pilonga "e que leva quince días de lume no sequeiro para logo golpearse contra o pisón e cribalas, traballo que esixe moita cintura", segundo salienta unha nota do Concello.

En paralelo haberá tamén unha feira de produtos da comarca: cervexa, queixo, viño, mel e outros e un xantar popular. Para recoller información ou mesmo reservar as entradas para o xantar as persoas interesadas poden contactar coa oficina de turismo do Concello.

A nota municipal alude a que o alcalde, Aquilino Domínguez,   espera "unha ampla presenza de visitantes", para o que seguen poñendo en valor as tradicións. O rexidor convida "a degustar algún prato ou postre con castañas nas fins de semana en calquera dos restaurantes de Parada".

Te puede interesar