Ourense

Correndo a prol do galego

Ourense

CORRELINGUA

Correndo a prol do galego

O Correlingua visitou onte Ourense baixo o lema "O galego está en nós". A Praza Maior e o Auditorio foron os escenarios principais da actividade, chea de xogos tradicionais para os 1.400 mozos que participaron

Tralo seu paso por A Coruña, o Correlingua chegou onte a Ourense cheo de xogos populares para os mozos de Primaria e Secundaria de toda a provincia. Estaban convidados máis de 1.400 mozos que compartiron unha mañá de diversión lonxe das aulas e dos libros de texto. Os rapaces de Primaria foron os primeiros en chegar á Praza Maior. Pudieron saltar á comba, facer carreiras de sacos e xogar ó pano, sempre en compañía dos estudantes do Ciclo superior en animación de actividades físicas e deportivas do CIFP A Farixa. O único requisito que se lles pedía para poder participar era usar o galego.

O Correlingua, que xa vai pola súa sexta edición, é unha actividade que ten como obxectivo fomentar entre os mozos o uso da lingua galega, "que cada vez está máis en desuso, sobre todo entre os rapaces da cidade", explicou Patricia González, mestra do CEIP Carlos Casares, de Xinzo de Limia. Unha idea compartida por outra docente, Flora Estévez, do CPI Tomás de Lemos, en Ribadavia. "O galego é o noso tesouro  pero está totalmente desprotexido.  Xa o dixo a Unión Europea polo día das linguas", destacou.

Os participantes traballaron arreo meses antes para ter listas as súas pancartas. A imaxinación dos mozos do CEIP Otero Novás, de Cortegada, conquistaron ao xurado conseguindo un lote de libros en galego para o seu colexio. O seu lema era "O galego está en nós". Quen tamén se tomou en serio o deseño dos murais para o Correlingua deste ano foron os rapaces do CEIP de Prácticas, que acadaron o segundo posto na modalidade de Primaria. O seu mensaxe era claro: "O galego mámase".  O terceiro premio foi para os de Xinzo de Limia. Aínda que un pouco cansos, os máis cativos comezaron a media mañá unha andaina cantando cancións en galego polas rúas Lamas Carvajal, Cardenal Quiroga, Santo Domingo, Praza do Ferro e Emilio Pardo Bazán ata chegar ao Auditorio. Alí continuaría a diversión cun espectáculo a cargo da compañía Talía Teatro e coa lectura do manifesto "Os Portugas", por un grupo de alumnos do CPR Concepción Arenal. Tamén tiveron a oportunidade de visionar o vídeo elaborado por os rapaces de terceiro curso do instituto coruñés Elviña.

O folión de Trives avisou da chegada dos mozos de Secundaria á Praza Maior xa que a actividade celebrouse en dúas quendas, que tiveron como centro neurálxico o Auditorio e a Praza Maior. Os dez centros de Secundaria tamén participaron no concurso de pancartas. As mellores foron as diseñadas polos institutos do Ribeiro, Germán Ancochea, de Trives, e o CPR Concepción Arenal. 
 O Correlingua visitará hoxe aos rapaces de Burela e mañá aos de Vigo, baixo o lema: “O galego está en nós”, inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. Unha forma de rendirlle homenaxe xa que propio poeta participou en numerosas ocasións nesta actividade educativa. En total son doce carreiras pola lingua, que seguirá percorrendo localidades e vilas galegas ata o vindeiro 16 de maio. Detrás desta actividade están a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola normalización Lingüística, así como os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.

Más en Ourense
Comentarios