Catro titulacións renovarán a oferta do mestrado da UVigo

Aula da UVigo no Campus de Ourense. (MIGUEL ÁNGEL)
photo_camera Aula da UVigo no Campus de Ourense. (MIGUEL ÁNGEL)
Son Enxeñaría biomédica, Intelixencia artificial, Desafíos das cidades e Exercicio terapéutico en fisioterapia

A Universidade de Vigo ofertará o vindeiro curso académico 61 titulacións de mestrado, catro máis que este curso, que suman 1.768 prazas, repartidas entre os campus de Vigo, onde se impartirán 38 titulacións; Ourense, con 14, e Pontevedra, con 10. 

Nesta oferta inclúense o Mestrado de Avogacía e o de Profesorado en ESO, bacharelato, FP e ensinanzas de idiomas impartidos nos tres campus, así como o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca, que ten carácter bianual e non se ofertou este curso que acaba de rematar.

No campus de Vigo, o catálogo de títulos renóvase coa incorporación do Mestrado en Enxeñaría Biomédica, de carácter presencial (20 prazas e 120 créditos), adscrito á Escola de Enxeñería Industrial e coordinado polo docente Rafael Comesaña. 

En Ourense, os novos títulos son o Mestrado en Intelixencia Artificial, que se impartirá de xeito presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática (20 prazas e 120 créditos), coordinado polo director do centro, Francisco Javier Rodríguez, e o Mestrado en Desafíos das cidades, semipresencial (6 prazas e 90 créditos) e dirixido pola docente Almudena Alonso Ferreiro. 

Pola súa banda, no campus de Pontevedra, a renovación chega co Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, presencial (20 prazas e 60 créditos) que se impartirá na Facultade de Fisioterapia, coordinado por María del Rocío Abalo. Das catro novas titulacións, dúas son propias (Enxeñaría Biomédica e Exercicio Terapéutico) e outras dúas interuniversitarias (Intelixencia Artificial e Desafíos das Cidades) con institucións académicas galegas e portuguesas.

Prazos de preinscripción

A preinscrición nos mestrados realizarase de xeito xeral do 1 ao 7 de xullo, a excepción dos mestrados en Profesorado en Educación Scundaria Obrigatoria, cuxo prazo está establecido do 7 ao 16 de xuño e en Enxeñaría Industrial, que ten fixado o primeiro prazo de preinscrición do 23 ao 28 de xullo. 

Ao primeiro prazo de preinscrición seguirá outro do 25 ao 30 de agosto e un terceiro do 26 ao 28 de setembro, unicamente para os mestrados con prazas vacantes.

Sete dos 61 títulos do próximo curso teñén un perfil profesionalizante

Das 61 titulacións que a Universidade de Vigo ofertará no próximo curso 2022/2023, sete teñen carácter profesionalizante, é dicir, permiten ós alumnos o acceso ás profesións reguladas. Trátase dos mestrados de Profesorado, Avogacía, Prevención de riscos laborais e das diferentes enxeñarías, desde a industrial e a de minas ata a de telecomunicacións.

Especialidades

Se se atende á división por áreas de estudo, un total de 20 titulacións pertencen ao ámbito das ciencias sociais e xurídicas; 17 ao da enxeñaría e á arquitectura; 13 son de ciencias; oito de artes e humanidades; tres de ciencias da saúde e unha ten categoría interdisciplinar. Trátase do Mestrado de profesorado, do que se ofertan seis especialidades con diferentes itinerarios e un total de 280 prazas dispoñibles para os estudantes. 

Te puede interesar