TRIBUNA

Centenario recordo a Perfecto Feijóo

_img-20190831-wa0015_result
photo_camera Concerto en Pontevedra en homenaxe a Perfecto Feijóo.
O 31 de agosto de 1919 os coros galegos brindáronlle a Perfecto Feijóo unha grande homenaxe en agradecemento ao seu labor.

O boticario, musicólogo, gaiteiro e dinamizador da cultura popular galega Perfecto Feijóo Poncet creou en Pontevedra, en 1883, o primeiro coro galego. Chamábase Aires da Terra. Con este grupo obtivo grandes éxitos tanto en Galicia como en Madrid e en Arxentina ata que desapareceu no ano 1915, á volta desta última viaxe. Pódese dicir que “Aires da Terra” morreu de éxito. Perfecto Feijóo é, polo tanto, o pai ou fundador dos coros galegos.

A desaparición de Aires da Terra provocou un baleiro que distintas persoas e grupos que lideraron proxectos para a creación de coros galegos á imaxe e semellanza do grupo pontevedrés desaparecido trataron de encher. Así, no primeiro cuarto do século XX, apareceron máis de trinta coros galegos en moitos lugares de Galicia -e mesmo de fóra dela-. De todos eles soamente catro chegaron ata hoxe: o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra de A Coruña, Coral De Ruada de Ourense en Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

O 31 de agosto de 1919 os coros galegos brindáronlle a Perfecto Feijóo unha grande homenaxe en agradecemento ao seu labor. Ás doce da mañá fixeron os coros a súa entrada en Pontevedra. Ás catro da tarde, coristas e gaiteiros, ataviados co traxe do país, toman asento nos escanos da Casa do Concello. O homenaxeado presidiu o pleno e foi agasallado cun pergameo en que o nomean Presidente de Honra dos Coros presentes no acto. Feijóo remata a súa intervención con estas verbas: "Eu nada vallo, nin nada son, máis que un gaiteiro que ama de corazón as cousas da terra. Ante esta homenaxe que se me dispensa só sei dicir: grazas, moitas grazas, e teño que rematar convidándovos a que berredes comigo viva Galicia! Vivan os coros galegos!".  Todos en pé entoaron o Himno de Pondal. Ás seis da tarde comezou a festa nunha abarrotada praza de touros na que interviñeron a Banda Municipal de Pontevedra e os Coros Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas e Aturuxos de Lugo, Agrupación Artística de Vigo, Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Foliadas e Cántigas de Pontevedra e Agarimos da Terra de Mondariz.


Homenaxe en Pontevedra


O pasado sábado, 31 de agosto, ás 13,00 horas, os coros sobreviventes (Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra de A Coruña e De Ruada de Ourense), todos eles centenarios, xunto con Cantigas e Agarimos de Santiago, que foi creado en 1921, reuníronse diante da Casa do Concello de Pontevedra para desfilar polas rúas máis céntricas da cidade do Lérez ata chegar á emblemática praza da Ferrería de Pontevedra , nde celebraron un concerto para lembrar a Perfecto Feijóo e ao Coro Aires da Terra, con motivo do centenario daquela homenaxe. Tamén se uniu á homenaxe o gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez que colaborou con De Ruada na interpretación do "Alalá de Ourense", do repertorio do grupo ourensán, e "Xota da Montañ"a, do repertorio de “Aires da Terra”. O acto finalizou coa interpretación conxunta do Himno Galego polos catro coros galegos históricos.

Como dixo Perfecto Feijóo hai cen anos: "Viva Galicia! Vivan os Coros Galegos!". 

Te puede interesar