Ourense

O Centro de Linguas abre a súa oferta formativa estival

Ourense

Universidad

O Centro de Linguas abre a súa oferta formativa estival

As propostas formativas serán de inglés, alemán, portugués, italiano, xunto con chinés en colaboración coa Aula Confucio da Universidade de León

A crise da Covid-19 non vai impedir que a formación en idiomas que cada verán ofrece o Centro de Linguas se desenvolva nos vindeiros meses. Os cursos intensivos, de entre dúas e catro semanas de duración abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral para aprender ou mellorar a competencia en idiomas estranxeiros, impartiranse de xeito virtual. De feito, así se ven facendo desde a declaración do Estado de alarma no pasado mes de marzo, ao igual que adaptou os exames de avaliación para que o alumnado puidera contar cunha certificación que en moitos casos é necesaria para continuar coa actividade académica. Para este período estival ofértanse cursos de idiomas en distintas linguas estranxeiras, así como o tradicional Curso de iniciación á ensinanza de español como lingua estranxeira, recoñecido polo Instituto Cervantes. 

As propostas formativas serán de inglés, alemán, portugués, italiano, xunto con chinés en colaboración coa Aula Confucio da Universidade de León. Nesta ocasión non se realiza convocatoria aberta de español para estranxeiros debido á prohibición da mobilidade, aínda que se continúa cos cursos de español para estranxeiros que están en marcha. 

O prazo de matrícula está xa aberto para estes obradoiros intensivos, para os que, ademais da formación xenérica, fíxanse obxectivos para acadar un nivel de lingua, orientado, sobre todo, á formación do estudantado que ten previsto participar en programas de mobilidade e que quere aproveitar o inicio do verán para pórse ao día no idioma do seu destino.