VIOLENCIA DE GÉNERO

Os CXPX rexeita un escrito en galego sobre Isabel Fuentes

A Marcha Mundial das Mulleres di que a decisión é unha traba para esclarecer as causas da morte 

A Marcha Mundial das Mulleres criticou onte a decisión do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) de rexeitar, por estar redactado en galego, un escrito que presentaron o pasado 28 de setembro no que pedían responsabilidades polo caso de Isabel Fuentes, a muller acoitelada polo seu marido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a que se lle denegou por parte da xuíza instructora a protección policial. Neste sentido, a parlamentaria nacionalista Carmen Adán anunciou accións dirixidas á Consellería de Xustiza para que interveña e inste ao Consello Superior do Poder Xudicial a admitir a trámite dito escrito. Pola súa parte, a parlamentaria do grupo Mixto Carmen Iglesias destacou que "xa é complicado acudir á Xustiza e máis aínda non poder facelo na túa lingua propia", explicou. 

O colectivo feminista xunto con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística amosaron o seu desencontro coa decisión do poder xudicial que "devolve un escrito sen pararse a ver o que pón" e lles insta a presentalo en lengua castelá cando "hay leis do Estado, como a Constitución, que din que hai outras lenguas oficiais ademais do castelán". 

Neste sentido, Lucía Cedrón, integrante da Marcha Mundial polas Mulleres, criticou o nulo valor que se lle dá dende o sistema ás mulleres "cando nós denunciamos un asasinato e eles responden falando da lingua na que se realizou o escrito", explicou. Engade que o único que se está a facer é retrasar o proceso de investigación das causas que levaron a que non se protexera a Isabel Fuentes a pesar de existir unha petición expresa por parte da Guardia Civil, alertando das sospeitas sobre o seu marido, Aniceto Rodríguez. 

En canto a xuíza de Verín, que instrúe a causa, o movemento feminista amosou tamén o seu desacordo coas consideracións do poder xudicial de arquivar o expediente disciplinario. Ademais, as súas integrantes alegaron que a lexislación vixente ofrece unha amplio abanico de posibilidades procesais para tomar decisión efectivas aínda que "acaba primando a protección das liberdades que permite a liberdade de movementos ao presunto autor, mentras a víctima debe quedar recluida", explicaron. A avogada Victoria Diéguez fixo unha valoración da recente resposta recibida pola familia da víctima de pechar a investigación no seno do CGPX. Di que non ten sentido nunha denuncia de violencia machista reclamar testemuñas e episodios anteriores xa que isto é "unha mostra do descoñecemento do que é a violencia machista por parte de quen realiza os procedementos. 

A pesar dos atrancos postos polo máximo órgano de goberno dos xuíces para o procedemento de denuncia, dende o colectivo feminista seguirán adiante coa reclamación e denunciando o caso de Isabel Fuentes para que non volva acontecer. Por iso, volverán rexistrar a reclamación nos vindeiros días para pedir ás institucións o esclarecemento do que fallou para non protexer á agredida.

Te puede interesar